Ecuador irrompe na embaixada de México e detén o exvicepresidente Jorge Glas
Ecuador irrompe na embaixada de México e detén o exvicepresidente Jorge Glas
López Obrador, que lle concedera asilo político, anunciou a suspensión das relacións diplomáticas co país andino
O Goberno de Ecuador entrou na Embaixada de México en Quito e detivo a Jorge Glas, exvicepresidente de Rafael Correa (2007-2017), condenado por corrupción. López Obrador, que lle concedera asilo político, anunciou a suspensión das relacións diplomáticas co país andino.
A Policía Nacional ecuatoriana rubiu polos muros da embaixada para capturar o político sobre o que pesa unha orde de prisión preventiva. Entre 2017 e 2022 xa pasou preto de cinco anos no cárcere por dúas condenas que rexeita ao considerar que é vítima dunha persecución na súa contra.
Minutos despois, o Goberno ecuatoriano confirmaba en redes sociais a detención de Glas, do mesmo xeito que o facía o presidente de México, Andrés Manuel López Obrador, para denunciar "unha violación flagrante ao dereito internacional e á soberanía de México".
"Instruín a nosa chanceler (Alicia Bárcena) que emita un comunicado sobre este feito autoritario, proceda de maneira legal e de inmediato declare a suspensión de relacións diplomáticas co Goberno de Ecuador", anunciou.
O asalto prodúcese nun momento de máxima tensión nas relacións entre ambos os dous países, tras a expulsión da embaixadora mexicana en Ecuador por unhas declaracións de López Obrador sobre o asasinato do candidato Fernando Villavicencio e o seu efecto nos comicios gañados polo empresario de 36 anos Daniel Noboa.
Suposta malversación de fondos
Jorte Glas chegara a finais de decembro de 2023 á Embaixada de México, tras ser imputado por presunta malversación de fondos no caso Reconstrución da provincia de Manabí, logo do forte tremor de 2016.
A finais de 2022 saíra en liberdade tras cumprir cinco anos de cárcere por dúas condenas por suborno e asociación ilícita de oito e seis anos de prisión, respectivamente.
O exvicepresidente, que se considera inocente e un perseguido político vítima de lawfare, chegou á Embaixada de México en Quito cando aínda non pesaba sobre el unha orde de detención, e a inicios deste ano un xuíz ordenou a súa captura e ingreso en prisión provisional.