Mick Jagger "goza moito" de Madrid antes do concerto dos Rolling Stones
Mick Jagger "goza moito" de Madrid antes do concerto dos Rolling Stones
A actuación no Wanda Metropolitano é o inicio da xira Sixty, que celebra os 60 anos de existencia da banda
Mick Jagger, 78 anos, Ron Wood, que celebra no concerto do Wanda Metropolitano os seus 74, e Keith Richards, outro que salta ao escenario con 78 anos, chegaron a Madrid nun ben recoñecible jet privado unha semana antes do concerto. Tiveron días para facer de turistas.
"Gozando moito do que ofrece Madrid, dende anxos caídos ata o flamenco", publicou o cantante nas súas redes
Tamén se deixou ver Jagger posando no Retiro ao pé da estatua do Anxo Caído, pasando desapercibido ás portas dun bar de Chueca e de visita privada ao Museo Reina Sofía, fotografado fronte ao Guernica, algo en teoría non permitido.
E, entre paseo e paseo, tamén gozaron da súa propia música interpretada con aire flamenco.
A actuación en Madrid supón o comezo da súa xira europea 'Sixty', que conmemora os seus 60 anos de existencia como banda. No círculo dos Rolling Stones din que o repertorio que traen desta volta é "unha lista de cancións coma ningunha outra, chea de clásicos" e tamén sorpresas.
Tras a morte do batería Charlie Watts o verán pasado, avivouse a especulación de que para as Súas Satánicas Maxestades esta podería ser a derradeira xira. O seguro é que se trata dunha xira heroica: abonda con contemplar tantos anos de enerxía.