Miles de persoas na xornada inaugural do Festival de O Son do Camiño
Miles de persoas na xornada inaugural do Festival de O Son do Camiño
Os accesos ao Monte do Gozo sufriron retencións desde primeiras horas da tarde
Miles de persoas chegaron nas últimas horas de todo Galicia, de España e mesmo de fóra para gozar da festa da música que é o Festival O Son do Camiño.
A maior parte son xente nova, moitos, de feito, viven o seu primeiro festival porque a pandemia non os deixou celebrar a maioría de idade nun destes eventos.
A ledicia e as moitas ganas de festa contáxianse por todo o recinto a onde aínda non chegaron todos os asistentes previstos.
A noite grande será este venres. Aínda así, a expectación é máxima con moitas actuacións, cun cartel para todos os gustos, como o concerto desta noite con C. Tangana.
A cara menos amable son as retencións que houbo nas estradas de acceso ao Monte do Gozo, que moitos sortearon subindo ata o recinto a pé desde Santiago.
Os que viven preto do Monte do Gozo en Santiago ou tiñan que usar calquera das estradas lindeiras, necesitaron moita paciencia desde primeiras horas desta tarde.
Esta zona, decote tranquila, era un fervedoiro de coches particulares, taxis e buses coas conseguintes retencións.
Todos descargando asistentes para O Son do Camiño, a maior parte mocidade, cargados ata os topes con tendas, mochilas, comida e bebida.
Ata o venres, en que se agarda a máxima asistencia, aínda quedan sitios na zona de acampada, que acabará ateigada de grupos de amigos.
Non veñen só pola música, aínda que sexa a escusa perfecta, pero todos teñen os seus preferidos no amplo cartel deste ano.
Ata 40 bandas e solistas nacionais e internacionais que comezaron a desfilar polos escenarios ás tres da tarde. A meteoroloxía tampouco lles preocupa.
Tres días, tres noites e tres escenarios para vivir a maxia da música en directo e en multitudinaria compañía. Ata o domingo agardan superar as cen mil persoas.