Publicador de contidos
Publicador de contidos

Milleiros de cataláns piden a independencia nunha Diada marcada pola investidura

Milleiros de cataláns piden a independencia nunha Diada marcada pola investidura

A Garda Urbana di que asistiron 115.000 persoas, os convocantes elevan a cifra a 800.000

Junts e ERC airean as súas diferenzas e acúsanse de deslealdade

G24.gal 11/09/2023 20:33 Última actualización 11/09/2023 20:42

Cataluña celebra a Diada en plena negociación da investidura, coa lei de amnistía enriba da mesa e con reproches cruzados entre as formacións independentistas. A Garda Urbana cifra en 115.000 os asistentes á manifestación desta tarde. Son 35.000 menos que o ano pasado e case un millón e medio menos que hai dez anos. Os organizadores elevan a cifra a 800.000 persoas.

En plenas negociacións para unha eventual investidura de Pedro Sánchez, Junts e Esquerra Republicana recuperan protagonismo entre os seus electores e poder para negociar o futuro de Cataluña.

Anmistía e referendo son liñas vermellas para as dúas formacións. Pero persisten as diferenzas nas formas. Os de Puigdemont desafían coa vía unilateral.

Jordi Turull, secretario xeral de Junts, di: "Non renunciamos a nada para defender a nación. Pode ser por acordo, pero, se non hai acordo, non renunciamos á vía unilateral. Renunciar á unilateralidade sería tanto como renunciar á nación".

En Esquerra apostan por un referendo pactado co Estado. Tras unha lei de aministía que anule as penas dos condenados polo do un de outubro.

O presidente da Generalitat Pere Aragonès, de ERC, di: "A amnistía non é o final de nada, é un paso necesario e imprescindible. É o primeiro paso para abrir camiño".

Ambas as formacións airearon as súas diferenzas e acusáronse mutuamente de deslealdade. Entre os manifestantes houbo peticións de dimisión do Goberno catalán, que consideran cómplice do Estado español.

O presidente da Generalitat abandonou a manifestación antes de rematar escoltado polos Mossos d'Esquadra e entre berros de dimisión e acusacións de traizón.

A CUP acusa tanto a Esquerra coma a Junts de centraren as negociacións na amnistía e deixaren polo camiño, din, o referendo de autodeterminación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade