Milleiros de fieis acoden ao santuario dos Milagres de Amil no día grande da festa
Milleiros de fieis acoden ao santuario dos Milagres de Amil no día grande da festa
A celebración vai continuar ata o 25 de setembro
A Virxe dos Milagres congrega este domingo, no seu día grande, fieis de toda Galicia.
"Viñemos de Bueu á unha da mañá".
"Nós vimos de Pontevedra".
"De Vigo".
"De Santiago".
"Eu veño de Noia, son devoto desta santa".
Algúns, como é tradicional, chegan ao santuario despois de camiñar durante quilómetros.
"Dezaoito creo que foron, dezaoito ou vinte quilómetros".
"Nós vimos desde Valga, levamos 20 quilómetros".
Segundo a tradición relixiosa, no século XVIII a Virxe atendeu as pregarias dun labrego que pedía auga para os seus cultivos arruinados pola seca. Desde entón cada fiel trae a súa ofrenda e a súa pregaria.
"Veño cumprir unha promesa que levaba catro anos pendente de facer, e este ano ímola cumprir".
"Empezamos vindo por un problema familiar hai moitos anos e despois xa seguimos vindo todos os anos, se non vimos parece que nos falta algo".
"Por unha filla que tivo moitas operacións, esta é por ela".
"Vimos pedir por unha boa tempada, somos xogadoras dun equipo de fútbol sala e como non nos dá tempo a facer o Camiño de Santiago dixemos: pois imos á aventura".
As longas ringleiras para acceder ao santuario mantivéronse durante toda a mañá.
"Hai que vir e ter fe, téñolle moita fe".
"Veño todos os anos para pedir cousas, ás veces concédense e outras veces non".
"Primeiro darlle as grazas, e logo despois oír a misa. E punto, tomar unha tapiña de polbo e xa está".
Hoxe é o día grande pero non o último. A festa vai seguir en Amil ata o 25 de setembro.