Publicador de contidos
Publicador de contidos

Minimelis é a primeira fábrica galega de caramelos de goma vitaminados e saudables

Minimelis é a primeira fábrica galega de caramelos de goma vitaminados e saudables

Prevén fabricar 13 toneladas ao mes na fábrica no polígono de Porto do Molle de Nigrán

G24.gal 21/05/2024 14:34

No polígono Porto do Molle de Nigrán está o paraíso das lambetadas máis saudables. É a primeira fábrica galega de caramelos de goma, e teñen previsto producir trece toneladas ao mes. Fórmulas propias que inclúen as primeiras larpeiradas sen azucre nin alérxenos, baixas en calorías e aptas para diabéticos. Hai seis meses sacaron as chamadas 'minimelis healthy', suplementos vitamínicos con coláxeno, omega tres, melatonina e biotina.

Minimelis é o soño materializado duns galegos que volveron a Galicia logo de anos en Chile. Alí introduciron os primeiros caramelos de goma a granel, e nestas instalacións do Valmiñor apostaron pola fabricación dun produto cen por cento galego e natural. Colaboran coa universidade e tanto a materia prima como os traballadores son da terra.

Mercedes Toscano, cofundadora Minimelis, o confirma: "Sempre estamos buscando produtos naturais, como por exemplo o sabugueiro, para poder facer unhas lambonadas cada vez máis saudables. Niso estamos a ter moita demanda porque hai moitas persoas que teñen produtos autóctonos galegos  que non teñen un formato definido, e o caramelo de goma é un formato agradable".

Un produto sen azucre e cun 50 % menos de calorías que mesmo recomendan os dentistas. Hai uns meses sacaron a liña de suplementos funcionais... Caramelos de goma vitaminados con coláxeno para a pel, omega tres, veganos e mesmo un multivitamínico para adultos e outro para nenos. Especial éxito está a ter un produto con melatonina e vitamina B 6 que numerosos hoteis están a ofrecer como detalle aos seus clientes para mellorar o descanso.

Segundo Jorge Núñez, director executivo Minimelis, primeira fábrica de caramelos de goma funcionais de Galicia, "estamos falando sobre todo de froitas e verduras, das que podemos sacar extractos e principios activos cuns beneficios que hai moita xente que non sabe a riqueza que temos nesta terra. E o que facemos é unha inxestión máis amigable destes principios activos".

O doce obxectivo de Minimelis é poder sacar adiante novas fórmulas cen por cento saudables. Sempre baixo a filosofía de tomar algo que nos gusta, pero sen prexudicar o noso organismo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade