Publicador de contidos
Publicador de contidos

Miñones estréase no Congreso para responder sobre o uso terapéutico do cánnabis

Miñones estréase no Congreso para responder sobre o uso terapéutico do cánnabis

O novo ministro de Sanidade pediu tempo para regulalo: "A información é insuficiente e non se pode recomendar o seu uso"

Miñones aproveitou que se trataba da súa primeira intervención ante os deputados e deputadas para ofrecer vontade de diálogo e “seguir construíndo un futuro mellor”

G24.gal 29/03/2023 11:04

O exdelegado do Goberno en Galicia, José Miñones, estreouse este mércores como novo ministro de Sanidade acudindo por primeira vez á sesión de control do Congreso, onde se enfrontou a unha pregunta do PNV sobre os prazos para regular o uso terapéutico do cánnabis.

A ese respecto Miñones pediu tempo porque de momento, dixo, "a información é insuficiente e non se pode recomendar o seu uso".

“O que debemos é ir da man da evidencia científica, e con esa evidencia científica poderemos asegurar que ese balance de beneficio e risco sexa positivo, e niso é no que seguimos traballando”, respondeu o ministro.

Esa declaración causou o enfado da deputada do PNV Josune Gorospe, xa que dixo que obviaba os traballos da subcomisión para o uso terapéutico do cannabis levados a cabo no Congreso.

“A súa postura é unha regresión. Hai unha posición que está avanzada co traballo que se fixo na Subcomisión no compromiso que distintos representantes do seu Goberno manifestaron”, reprochoulle a parlamentaria do grupo vasco.

Miñones dixo que na actualidade xa existen algúns medicamentos a base de cánnabis que están debidamente autorizados e son accesibles para os pacientes para o alivio da espasticidade en esclerose múltiple ou a epilepsia. 

“Por desgraza para outras moitas enfermidades, a información é insuficiente. Non podemos recomendar o seu uso e, polo tanto, o que debemos é ir da man da evidencia científica”, dixo o ministro.

Miñones engadiu que a Axencia Española do Medicamento traballa nun informe que permita establecer cal é o encaixe normativo destes medicamentos, a seguridade e a eficacia, analizando a documentación científica e a normativa existente noutros países para establecer a modalidade que mellor se adapte ás necesidades dos pacientes.

O Congreso aprobou o ditame da Subcomisión que propón regular o cánnabis terapéutico para paliar a dor e os efectos dos tratamentos dalgunhas patoloxías. 

O novo ministro de Sanidade, aproveitou ademais o comezo da súa intervención no hemiciclo para ofrecer aos parlamentarios a súa vontade de diálogo “para seguir construíndo un futuro mellor”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar