Sanidade instala en Moaña trampas contra o mosquito tigre
Sanidade instala en Moaña trampas contra o mosquito tigre
Recomendan aos veciños vestir con manga e pantalón longos e calzado pechado ou colocar mosquiteiras nas portas e xanelas
O comité técnico do mosquito tigre en Galicia reuniuse este venres para tomar as primeiras medidas que limiten a reprodución do mosquito tigre en Galicia.
As primeiras medidas serán colocar trampas en Moaña para delimitar a zona onde está presente e difundir unha guía cunha serie de pautas á poboación.
Segundo informou a Xunta, estas recomendacións dirixiranse tanto a evitar a picadura do mosquito como a eliminar posibles puntos de cría.
Entre as pautas para a poboación está o uso de repelentes específicos, a recomendación de vestir con manga e pantalón longos e calzado pechado ou colocar mosquiteiras nas portas e xanelas.
As picaduras poden ser molestas e poden producir reaccións alérxicas de certa gravidade, lembran desde a Xunta.
En canto a evitar a proliferación do mosquito, a forma máis efectiva é evitar a posta de ovos e o crecemento de larvas, para o que se deberán eliminar os puntos de auga estancada como bebedoiros, pratos baixo as macetas, cubos á intemperie ou embarcacións, a través do seu baleirado ou coa renovación da auga cada catro ou cinco días.
A maiores, promoverase a descarga da aplicación móbil Mosquito Alert, coa que os veciños poidan achegar fotografías para o seu estudo.