Morre nun accidente de tráfico Kelvin Kiptum, plusmarquista mundial de maratón
Morre nun accidente de tráfico Kelvin Kiptum, plusmarquista mundial de maratón
Na súa curta traxectoria deportiva, Kiptum, de 24 anos, só correu tres maratóns
O kenyano Kelvin Kiptum, plusmarquista mundial de maratón, faleceu este domingo xunto ao seu adestrador Gervais Hakizimana nun accidente de tráfico na estrada que une Eldoret con Kaptagat, segundo informaron diversos medios de comunicación de Kenya.
O fatídico accidente que lle custou a vida a Kiptum e ao seu adestrador produciuse ao redor das 23:00 horas (hora local en Kenya), segundo o comandante de policía de Elgeyo Marakwet, Peter Mulinge, que tamén informou que o coche, un Toyota Premio, o conducía o atleta.
Na súa curta traxectoria deportiva, Kiptum, de 24 anos, só correu tres maratóns. Debutou en Valencia en decembro de 2022 co crono máis rápido da historia para un debutante na carreira (2 h 01 min 53 s) e despois, xa en 2023, gañou en Londres con 2 h 01 min 25 s e o 8 de outubro bateu o récord mundial da distancia con 2 h 00 min 35 s, e quitoulle a anterior marca ao seu compatriota Eliud Kipchoge.
Ese récord foi ratificado por World Athletics cinco días antes do seu falecemento, o pasado 6 de febreiro.