Morre un veciño de Ponte Caldelas ao bater o seu coche contra un camión en Pontevedra
Morre un veciño de Ponte Caldelas ao bater o seu coche contra un camión en Pontevedra
Algunhas testemuñas din que o vehículo ía a gran velocidade
Pasadas as dúas da mañá, en Pontevedra, morría un condutor de 37 anos, veciño de Ponte Caldelas, ao bater o seu coche cun remolque dun camión estacionado mentres esperaba para descargar nunha nave a escasos metros. Foi o propio camioneiro, que estaba a durmir, o que pediu axuda médica e avisou a Garda Civil.
Outras testemuñas, tres mozos que ían noutro coche, que viñan detrás do accidentado, aseguraron que os adiantou a gran velocidade e despois xa o viron espetado baixo o camión. A mala sorte fixo que despois de bater nun primeiro coche a porta do condutor fose bater cunha esquina do camión.
"Parece ser que xa viña duns 200 metros para atrás con problemas, dando bandazos. Debeu adormecer ou desmaiarse ou tivo algún problema no coche. Non se sabe moi ben. E por desgraza a cousa acabou mal", asegura un traballador da empresa á que foi descargar horas máis tarde o camión.
"A un dos coches dun compañeiro meu do traballo bateulle antes de dar no camión e deixouno bastante danado, pero ese é o menor dos males", concluía.
"Cando escoitamos o golpe e chegamos alí xa estaba esmagado contra o remolque do camión. O camioneiro xa chamara a Garda Civil. Chegaron moi rápido. O rapaz falaba moi pouquiño e ao momento xa deixou de falar. Viña el só. Tiña atrás un asento dun neno, estivemos mirando a ver se viña con el alguén pero viña só", afirma un panadeiro que traballaba a esas horas a escasos metros de onde se produciu o accidente.
As testemuñas din que o home duns 37 anos faleceu case no momento. O impacto fixo que o primeiro coche contra o que bateu quedara coa roda esquerda dianteira na metade do motor. Afortunadamente nesta zona de travesía non hai moita circulación pola noite.