Milleiros de persoas maniféstanse pola vivenda en Barcelona para reclamar que baixen os alugueiros
Milleiros de persoas maniféstanse pola vivenda en Barcelona para reclamar que baixen os alugueiros
Veciños e colectivos de toda Cataluña reclaman prezos accesibles para os arrendatarios
Denuncian a emerxencia habitacional na comunidade e apuntan a unha folga para non pagar as rendas
Milleiros de persoas manifestáronse este sábado en Barcelona para protestar contra o prezo dos alugueiros e defender o dereito á vivenda. Co lema "¡Acabouse! Baixemos os alugueiros" convocados polo Sindicato de Inquilinas e co apoio dos grandes sindicatos e unhas 4.000 asociacións veciñais, conforme a organización, ata a capital catalá chegaron manifestantes de toda Cataluña.
Os participantes esixen unha baixada do 50 por cento dos alugueiros, contratos indefinidos para rematar coa "inseguridade" dos arrendatarios, recuperar para uso residencial os pisos baleiros, turísticos e de alugueiros de tempada e gravar con impostos altos os arrrendadores que son multipropietarios de vivendas.
Chaman tamén a unha folga de alugueiros se non mellora a situación habitacional.
Encabezados por unha pancarta coa mensaxe "Acabouse, baixemos os alugueiros. Por unha vivenda digna para todos", os manifestantes lanzaron consignas como "Non toleraremos máis desafiuzamentos", "Nin especuladores, nin bancos, nin fondos voitre" ou "A vivenda, gratuíta e universal". "Non pode ser que os investidores cheguen ás nosas cidades e xoguen cos pisos como no Monopoly", afirmou a voceira do Sindicato de Inquilinas, Carme Arcaraz. É por iso que Arcaraz anunciou que, a partir de mañá, o sindicato "camiñará cara a unha folga de alugueiros": "Se nos unimos, temos moito máis poder que calquera político ou arrendador", destacou.
Na marcha participaron moitos mozos que teñen graves problemas para independizarse coa situación actual. A protesta chega tras a marcha masiva de Madrid en outubro e as mobilizacións en Málaga ou Sevilla. As entidades convocantes consideran insuficientes e que chegan tarde os anuncios realizados pola Generalitat ou o Concello de Barcelona en materia de vivenda ou para conter o turismo masivo.
Cataluña é a única comunidade que aplicou o regulamento dos prezos do alugueiro, malia que non conta cun réxime sancionador nin inspeccións para garantir a súa aplicación.