Nicolás González volverá ser o candidato galego do PSOE nas europeas
Nicolás González volverá ser o candidato galego do PSOE nas europeas
O político lalinense concorrerá en postos de saída
O Partido Socialista inclúe na candidatura a exministra Leire Pajín
O político lalinense Nicolás González Casares concorrerá en postos de saída na candidatura coa que o Partido Socialista se presentará ás eleccións europeas do próximo 9 de xuño. González Casares, que foi eurodeputado neste mandato, ocupará o número 11 da lista que encabeza a ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira.
A candidatura foi ratificada este martes pola Comisión Federal de Listas, na que como representación galega está José Manuel Lage -exsecretario de Organización do PSdeG-, despois de que a cita prevista para o pasado venres se pospuxera ata coñecer a decisión do líder do PSOE, Pedro Sánchez, sobre a súa continuidade á fronte da Presidencia do Goberno.
González Casares ocupou o número 8 da papeleta coa que os socialistas concorreron ás eleccións europeas no ano 2019, cita na que o PSOE logrou facerse con 20 representantes no Parlamento Europeo. Tras coñecerse a noticia, o propio Nicolás González publicou unha mensaxe a través do seu perfil da rede social X, no que destaca que é unha "inmensa honra" continuar na candidatura para o Parlamento e comprométese a "dalo todo por Galicia" e polo "PSdeG".
Ademais, nun comunicado remitido aos medios, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, celebrou a inclusión de Casares no número 11 da candidatura ao asegurar que o partido lle dá así "continuidade" ao "gran traballo desenvolvido" polo lalinense os pasados cinco anos.
O nome do lalinense foi proposto por moitas das asembleas locais que os socialistas celebraron en Galicia, aínda que as decisións das asembleas non son vinculantes e é a dirección federal quen configura a lista para unhas eleccións nas que a circunscrición é única. Precisamente, no marco deste proceso de presentación de propostas por parte das asembleas, a executiva local de Vigo optou por Gonzalo Caballero, como candidato para esta encomenda. Con todo, a proposta ao exsecretario xeral non se materializa e finalmente non formará parte da candidatura ás europeas.
Para a candidatura ás europeas, que ten como número dous a actual presidenta do grupo dos socialistas europeos, Iratxe García, o PSOE recuperou a exministra socialista Leire Pajín, que ocupará o número oito. Pajín, que foi ministra de Sanidade, Política Social e Igualdade entre 2010 e 2011 na etapa final do Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero e secretaria de Organización do PSOE entre 2008 e 2010.