No CIFP A Farixa constrúen unha vivenda bioclimática e unha aula tecnolóxica de enerxías renovables
No CIFP A Farixa constrúen unha vivenda bioclimática e unha aula tecnolóxica de enerxías renovables
Unha vivenda bioclimática que sexa tamén unha aula de enerxías renovables. É o proxecto en que traballan os alumnos dun centro de formación profesional de Ourense. Na iniciativa colaboran empresas, alumnos de varias especialidades ou institucións como a Universidade de Vigo.
O proxecto arrancou a principios de curso e pouco a pouco vai collendo forma.
"Estamos facendo unha vivenda eficiente a partir dun colector marítimo. Agora mesmo estamos colocando unha lámina reflexible de aluminio que serve como illante para a calor e para o frío. Ves aí os meus compañeiros colocando perfís metálicos para facer un teito de Pladur continuo", explica Aarón Fontanes, estudante do Grao Medio de Obras de interior, decoración e rehabilitación.
A metade do colector será unha vivenda bioclimática, a outra unha aula tecnolóxica que terá instaladas varias enerxías renovables: dende xeotermia ou aerotermia ata placas solares térmicas e fotovoltaicas. Un proxecto no que colaboran ata seis especialidades distintas deste e outros centros de Formación Profesional de Ourense.
"Os alumnos do proxecto de edificación de obra de interior están traballando e teñen que estar en colaboración cos alumnos de enerxía e auga, e temos o departamento de Imaxe e Son neste centro e están gravando cada etapa do proceso para despois facer un documental, entón eu creo que a grande importancia está niso, na colaboración entre os distintos departamentos", apunta Iria Fírvida, profesora da especialidade de Enerxía e auga do CIFP A Farixa, de Ourense.
Non hai datas exactas, pero confían en que o proxecto poida estar rematado o próximo ano. Despois quedará aquí, de xeito permanente. E semella que o esforzo de todos podería ter recompensa. Este proxecto canda outro do mesmo centro sobre experiencias inmersivas coas novas tecnoloxías optan aos premios de innovación tecnolóxica e didáctica da Xunta de Galicia.