No seu novo mural, Diego As retrata en Castroverde a Hipatia de Alexandría
No seu novo mural, Diego As retrata en Castroverde a Hipatia de Alexandría
É unha encarga do colexio da vila, que quixo homanaxear unha das primeiras científicas
Tras realizar en Lugo o que está considerado o mellor mural urbano do mundo en 2021 pola plataforma Street Art Cities, que representa a Xulio César, o artista lucense Diego As comezou un novo proxecto no colexio de Castroverde.
A obra, que pouco a pouco vai collendo forma, retrata outra personaxe histórica de gran relevancia, Hipatia de Alexandría, unha intelectual, filósofa e matemática que foi asasinada a comezos do século V a mans de fanáticos relixiosos.
Diego As, artista urbano: "É unha representación moi sinxela, coa mirada dunha muller científica. O fondo vai ser estelar, con algún invento que realizou ela naquela época".
O colexio integrado plurilingüe de Castroverde quixo, con esta encarga, renderlle unha homenaxe a Hipatia, unha firme defensora do coñecemento.
A finalidade é concienciar a comunidade educativa sobre a violencia e a discriminación que aínda na actualidade se exerce contra as mulleres. Á súa vez, os alumnos da ESO realizaron traballos sobre esta personaxe histórica.
Ana María Pérez Veiga, directora do CPIP de Castroverde: "Queremos fomentar entre o alumnado o coñecemento das mulleres científicas ao longo da historia, que moitas veces non se coñecen por culpa do machismo. Unha delas, quizais a primeira científica, é Hipatia de Alexandría".
Para financiar o proxecto, o centro solicitoulle financiamento ao Concello de Castroverde, que aceptou sufragar o traballo de Diego As. Prevese que a obra sexa inaugurada coincidindo cos actos do 8 de marzo.