Publicador de contidos
Publicador de contidos

A escaseza de marisco baixa a facturación das lonxas do Barbanza

A escaseza de marisco baixa a facturación das lonxas do Barbanza

As que máis baixaron foron Rianxo e Noia

Preocupación entre os mariscadores porque o berberecho non medrou o suficiente

G24.gal 14/09/2023 14:32

Este ano falta marisco nas lonxas do Barbanza, e iso nótase na facturación. Na rula de Rianxo a caída é dun millón de euros e na Noia de máis de dous millóns e medio. Despois dun inverno fatídico, en que morreu máis do 80 % do berberecho e do 50 % da ameixa xapónica, toca comezar a campaña.

"Temos moito recrutamento, unha media de 5.000 berberechos por metro cadrado. O problema é que  mide 11 milímetros, cando a medida mínima establecida é 28 milímetros. Non hai berberecho comercial para empezar unha campaña para conserva", explica Liliana Solís, bióloga da confraría de Noia.

"Este ano para conserveiras non podemos mandar nada, sería para fresco pero con moi poucos quilos. Aínda que o prezo vaia ben, non podes facer unha campaña boa", engade Rosa Martínez, mariscadora de Noia.

O sector pide estudos e medidas para atallar a situación. Son moitas as familias que dependen do marisco e o seu futuro cada día é máis incerto.

"Que non colla medida comercial é polas condicións climatolóxicas e pola cantidade de fitoplancto da ría. A mortaldade foi por culpa das riadas derivadas da chuvia e a xestión da presa do Tambre, que baixaron a salinidade da auga", aclara Liliana.  

"No inverno houbo tres días con salinidade cero, iso mata o marisco todo. E temos o problema engadido da mina de San Finx, que xa estamos combatendo tamén. É un ano preocupante", lamenta Rosa.

Os episodios de toxina ou a suba na temperatura da auga son outras das cuestións que engaden preocupación e incerteza aos mariscadores do Barbanza.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade