Non durmir co móbil na mesa de noite pode mellorar a saúde emocional dos adolescentes
Non durmir co móbil na mesa de noite pode mellorar a saúde emocional dos adolescentes
Máis exposición a pantallas fai os rapaces máis vulnarables, interfire nos ritmos biolóxicos e cambia a bioquímica cerebral
O uso de pantallas, xogos e redes sociais multiplicou por catro os problemas de saúde mental nos menores de idade. Hai aproximadamente un 4 por cento que xa desenvolveron problemas de adicción, e un 30 % que sente máis insastisfacción persoal, ansiedade e tristura. Para ir cortando esta tendencia, unha das primeiras propostas dos expertos é coidar a hixiene do sono.
"Non podemos pretender que se dous de cada tres, con once ou doce aniños xa dormen co móbil na mesa de noite, que non vaian tocar o móbil. Sería unha enorme inxenuidade Por iso hai que quitar o móbil dese escenario que se chama descanso", dixo Antonio Rial Boubeta, profesor da USC.
Son algunhas das cuestións que hoxe se abordaron na Coruña neste foro sobre saúde mental e adolescencia da Asociación ADAFAD. Apostas en xogos en liña ou consumo de porno a idades moi temperás, pero tamén o ciberacoso, son vivencias nocivas nunha idade xa de por si delicada.
"A adolescencia é un período complicado en que saímos dos vencellos familiares para formar a nosa identidade e a verdade é que a parte das cuestións persoais hai que traballar a tolerancia á frustración, enfrontarse ao risco de caer en conduta adictivas e, por suposto, a todo o que ten que ver coas redes, a sobreexposición da imaxe, a violencia... etc", dixo Xulio García Comesaña, conselleiro de Sanidade.
Tras a pandemia, o número de tentativas de suicidios entre adolescente aumentou.
A dotación de recursos, con 250 profesionais máis na Sanidade Pública, plans especificos de prevención e de intervención inmediata, coma o código Agarimo de Alerta Escolar, supuxeron segundo estes expertos unha mellora na resposta. Xunto co apoio que oenegués e asociacións fan en prevención.
Para os pais, sae destas xornadas un consello: o de predicar co exemplo.