Os transportistas non pararán o día 30, pero advirten de que só é unha suspensión do paro
Os transportistas non pararán o día 30, pero advirten de que só é unha suspensión do paro
A maioría das asembleas votou en contra e dan marxe á negociación
Despois de asembleas en todo o país, non haberá paro do transporte o próximo día 30. Os profesionais manteñen as súas reivindicacións e dan un voto de confianza ás negociacións da nova lei.
José Manuel Vélez, delegado en Lugo da Plataforma en Defensa do Transporte, sinala que o que piden é "non traballar por baixo do custos, a xubilación e que se recoñezan as enfermidades derivadas do noso traballo".
A nova supón un alivio para moitos sectores como o da pesca, que temía novas perdas por dificultades na distribución. Eles sofren tamén os altos prezos do combustible e están preocupados pola presión para prohibir as artes de fondo.
O presidente da Cooperativa de armadores de Vigo, Javier Touza, insiste en que "hai que buscar solucións máis imaxinativas, non sei se a solución máxica é poñer tope ao gasóleo mariño. Se xa temos moitos problemas en sostibilidade económica e social, non é o momento de abrir novas frontes (como a prohibición das artes de fondo), pedimos un pouco de reflexión".
A Plataforma en Defensa do Sector do Transporte advirte que só se trata dunha suspensión do paro, que se podería reactivar en calquera momento.