Non podemos perder o tren dos novos paradigmas económicos, por Venancio Salcines
OPINIÓN
Non podemos perder o tren dos novos paradigmas económicos, por Venancio Salcines
Galicia ten por diante dous grandes retos: mirar á faciana a transición ecolóxica e a transición dixital. Por primeira vez na nosa historia recente, sabemos as claves do cambio económico, temos o talento para poder xestionalo e os capitais necesarios. Entón, que nos falta? Ritmo. Temos que abrir unha axenda económica ambiciosa, en canto a retos e velocidade, explicala ben á sociedade e poñerse a traballar.
Temos vento, minerais, sol, auga, bosques, temos o necesario para buscar o liderado en enerxías renovables, en minería sostible, en industria forestal. Temos os alphas de moitas industrias e polo tanto a capacidade para crear novas cadeas de subministración que poidan nacer en Galicia e dende aquí alimentar a todo o Estado.
É todo isto cun único fin, xerar emprego de calidade. Porque o reto xa non é ter mais emprego, senón que este sexa sostible, de longo prazo e en industrias que xeren alto valor engadido, xa que só deste xeito poderemos ter o emprego de calidade que tanto necesitamos.
Para conseguir estas metas o desexable sería ter un pacto polo país e deixar os proxectos industriais fóra da loita política. É sinxelo, a través das medias verdades, lanzar mensaxes confusas ou enganosas que xeren inquedanza na sociedade e, polo tanto, oposición social. Xa o vimos moitas veces, como cando construímos a nosa vella autoestrada. Por iso, se levan detrás un consenso parlamentario, perfecto, se non é así, non podemos parar, toca traballar. Galicia non pode perder o futuro que se está a construír, con evidente acerto, nesta década, e dende a Unión Europea.