Publicador de contidos
Publicador de contidos

Nova etapa e novos retos na política económica galega, por Maite Cancelo

OPINIÓN

Nova etapa e novos retos na política económica galega, por Maite Cancelo

G24.gal 10/04/2024 08:03

A Galicia que funciona foi o lema da campaña electoral do PPdeG e tamén a frase con que Alfonso Rueda abriu a súa intervención no Parlamento de Galicia. É certo que partimos dunha situación de crecemento económico medio por encima da media española nos últimos dez anos, pero xa no programa electoral con que os populares concorreron ás eleccións, e cuxa concreción se está empezando a debullar na sesión plenaria de investidura, recóllense novas propostas para que Galicia non perda o tren e poida seguir avanzando en converxencia con outras rexións.

Moi importante é a oferta dun gran pacto pola industria en que se debaterán temas como a entrada de Altri en Galicia (hidróxeno verde), os parques eólicos suspendidos polo TSXG ou a eólica mariña, coa novidade dunha indemnización para os promotores cando non se tramiten no prazo dun ano os seus proxectos industriais (cando prevexan a creación dun mínimo de cinco postos de traballo e un investimento de máis de dous millóns de euros). A proposta de proxecto de industrialización é ambiciosa e necesaria e é un dos grandes retos para o noso futuro, xa que algunhas industrias dan sinais de esgotamento, polo que hai que atraer empresas que xeren emprego e, por tanto, desenvolvemento económico.

Tamén se recollen novas rebaixas fiscais, particularmente na tributación das herdanzas entre parentes colaterais. Na miña opinión, este é un dos impostos máis inxustos, xa que falamos de rendas e bens que xa tributaron por diferentes impostos no momento da súa adquisición. Ademais, as rendas medias veranse beneficiadas por estas e outras rebaixas e, lembremos, son as que soportan maioritariamente o pago de impostos como o da renda.

Cambios na estrutura da Xunta

Máis aló dos movementos, ou novos nomeamentos, nos altos cargos da Xunta de Galicia, os avances na propia estrutura da administración galega mostran unha aliñación con obxectivos claramente económicos.

Ciencia e Innovación volve á Consellería de Educación (actualmente estaban na Consellería de Economía, aínda que determinadas liñas, as de grupos de investigación, xa se xestionaban desde a primeira). Ademais, búscase reforzar as actuacións no campo da ciencia, que terá a máxima prioridade.

Emigración pasa ao departamento de emprego para impulsar as estratexias de retorno para os galegos que viven no exterior, e seguro que virá co reforzo de programas como o retorna emprendemento.

Enerxía pasa a Medio Ambiente, o que, claramente, é unha declaración de aposta polo necesario desenvolvemento e impulso de novas formas de obter enerxía a prezos máis reducidos co obxectivo de reducir a nosa dependencia exterior do petróleo e do gas e que, ademais, pode servir para atraer industrias intensivas en electricidade, e todo, sen deixar de lado os retos da axenda 2030, en que a loita contra o cambio climático nos obrigará a cambios na nosa forma de producir enerxía.

Incluso o impulso aos departamentos de política lingüística e, sobre todo, cultura indícanos unha aposta polo desenvolvemento das industrias culturais e creativas galegas como sector estratéxico.

En definitiva, unha nova etapa con novos retos e novas propostas que marcarán os próximos catro anos da axenda económica do goberno galego.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos