Nove empresas aspiran a desenvolver proxectos no Polo Aeroespacial de Galicia
Nove empresas aspiran a desenvolver proxectos no Polo Aeroespacial de Galicia
Son Airbus, Babcock, Boeing Aerospace Spain, Indra, Sistemas y Montajes Industriales, Telefónica, Telespazio, CT Ingenieros e Aertec-Tecnobit
Xa se coñecen cales son as nove empresas que aspiran a converterse nos novos socios estratéxicos da Xunta no Polo Aeroespacial de Galicia, situado no aeródromo de Rozas (Castro de Rei), ata o ano 2025.
Son Airbus, Babcock, Boeing Aerospace Spain, Indra, Sistemas y Montajes Industriales, Telefónica, Telespazio, CT Ingenieros e Aertec-Tecnobit.
Cun orzamento de partida de 40 millóns de euros, a previsión é asinar entre catro e oito acordos de asociación para apoiar arredor de 80 proxectos de I+D cos que desenvolver novas solucións con drons.
Segundo explica Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), "farán posible que os nosos centros de coñecemento e investigación sigan achegando as súas capacidades no segmento de sistemas non tripulados".