Publicador de contidos
Publicador de contidos

Novo convenio para reducir a exclusión financeira no rural galego, por Maite Cancelo

Novo convenio para reducir a exclusión financeira no rural galego, por Maite Cancelo

Galicia é a segunda comunidade autónoma con menor porcentaxe de municipios sen ningún tipo de acceso a servizos bancarios

Desde a crise do 2008 en España iniciouse un proceso de redución de entidades financeiras e concentración bancaria

G24.gal 13/06/2023 07:30

O convenio asinado entre o Goberno galego e a Federación Galega de Municipios e Provincias, e no que participa ABANCA, permitirá que o 99 % dos concellos teña acceso a servizos financeiros.

Este convenio, de feito, é unha segunda fase do iniciado no mes de marzo de 2022, cando a Xunta de Galicia e a entidade financeira subscribiron o acordo de instalación de novos caixeiros automáticos en localidades do rural nos que non estaban dispoñibles e, o que me parece máis interesante, que se acompaña de cursos de formación e capacitación dixital para os maiores para axudalos a realizar as súas xestións financeiras.

A partir dese acordo, concellos como Chandrexa de Queixa (Ourense), que levaba dez anos sen un caixeiro e cuxos habitantes tiñan que desprazarse ata 30 km para sacar diñeiro en efectivo, o mesmo que outros 38 concellos de Galicia, melloraron a súa accesibilidade financeira.

De feito, varios estudos e informes, como o de promoción sobre concentración bancaria en Galicia da Comisión Galega da Competencia (CGC), de decembro de 2022, alertan sobre esta situación.

Redución de entidades financeiras e concentración bancaria

Desde a crise do 2008 en España iniciouse un proceso de redución de entidades financeiras e concentración bancaria (do mesmo xeito que noutros países europeos), con maior intensidade e velocidade que en épocas anteriores.

Neste último informe da CGC (xa se publicou un anterior, no ano 2017) analízanse un conxunto de indicadores como son a relación de oficinas abertas, os seus horarios ou a relación de caixeiros. Esta información obtívose a partir da fornecida polas propias entidades e a partir das estatísticas do Banco de España.

O estudo pon de manifesto a redución do número de entidades financeiras en España (proceso que, como xa sinalamos, tamén ocorreu nos outros países europeos), sendo Galicia unha das comunidades con menos peches e menor cociente de habitantes por oficina.

Nas zonas rurais, aínda que o peche foi menor que nas cidades, existe un maior risco de exclusión financeira, polo que as administracións públicas empezaron a utilizar diversos instrumentos, como subvencións e axudas, para fomentar a instalación de, entre outros, caixeiros automáticos, e indícase que a Xunta de Galicia publica unha primeira base de subvencións nesta liña, no ano 2021.

Os resultados destas medidas fan que, de feito, no informe do Banco de España de xullo de 2022 xa se constataba que Galicia é a segunda comunidade autónoma con menor porcentaxe de municipios sen ningún tipo de acceso a servizos bancarios, só por detrás das Canarias.

O convenio reduce a exclusión financieira

Este novo convenio, a partir da colaboración entre o goberno galego e a Federación Galega de Municipios e Provincias, co que se instalarán novos caixeiros automáticos en concellos en que non había ningún, servirá para reducir a exclusión financeira no rural, que é unha das condicións necesarias para fixar poboación nestes territorios.

En calquera caso, e para finalizar, ademais da necesaria colaboración entre administracións nos niveis autonómico, local e provincial, cando é necesaria unha intervención pública para resolver un fallo de mercado, como é a exclusión no acceso ao efectivo, debería haber tamén unha maior coordinación no territorio español, polo que a Administración do Estado debería ter un papel máis proactivo ao ter entre as súas competencias a regulación e supervisión bancaria.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade