O 17 de maio recoñece a Fernández del Riego, precursor das Letras Galegas
O 17 de maio recoñece a Fernández del Riego, precursor das Letras Galegas
A data elixida, procurada polo propio Fernández del Riego, tiña unha significación especial: cen anos antes, o 17 de maio de 1863, Rosalía dedicáralle ese día a Fernán Caballero a súa primeira edición de Cantares gallegos
Estas Letras Galegas 2023 celebran a vida e obra dun home que o foi todo na nosa cultura e que o puido ser todo na nosa política. Francisco Fernández de Riego foi dirixente do Partido Galeguista, fundador de Galaxia, presidente da Real Academia Galega e, ata os últimos anos da súa vida, director da Fundación Penzol.
Unha traxectorial vital que comeza en Lourenzá en 1913 e que o leva, no outono de 1930 a estudar Dereito a Madrid e conectar co espírito do galeguismo político. Xa nos anos composteláns entra en contacto cun grupo de escritores e políticos que se reúnen na Imprenta Nós de Ánxel Casal e que logo formaría parte do Partido Galeguista.
Del Riego xogou un papel decisivo na formación: percorreu Galicia pasando por cidades e pequenas vilas dando discursos en favor do Estatuto de Autonomía ao carón das figuras principais do partido como Castelao ou Alexandre Bóveda, despuntando como bo orador.
O 18 de xullo de 1936 obrigou a paralizar todos os avances cara á autonomía de Galicia. Para o remate da guerra, as esperanzas políticas dos galeguistas difumínanse e a xeración de Del Riego comeza a configurar unha saída cultural que lle dea continuidade a esas ideas. Así nace, en xullo de 1950, a editorial Galaxia, con Del Riego, Xaime Isla, Ramón Piñeiro e Ramón Otero Pedrayo á cabeza.
O traballo de Del Reigo na editorial foi fundamental para recuperar a literatura galega da xeración Nós e anterior, que quedara esquecida, e ao mesmo tempo, engadir novos valores para as nosas letras. Grazas á súa teimosía e bo ollo literario, comezaron a escribir en Galaxia nomes como Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Xosé Luis Méndez Ferrín ou Xohana Torres.
Pero foi máis alá, e como editor senta as bases para unha gramática do galego, lingua que comezaba a despuntar no rexistro culto e carecía dunha normativa estandarizada.
Os membros de Galaxia realizaban naquel tempo un labor que hoxe lle corresponde á Real Academia Galega. A maior institución das nosas letras xogaba naqueles anos 50 un papel secundario, ata que os galeguistas se propuxeron revitalizala.
En 1960 Fernández del Riego ingresa como académico, e tres anos despois presenta a proposta de celebrar un día do libro galego, o que hoxe coñecemos como o día das Letras Galegas.
Para comezo do século XXI, pouco lle faltaba a Del Riego por facer. Aínda así, tivo tempo para estar catro anos á fronte da Real Academia Galega, e dirixir, ata uns meses antes de morrer, a Fundación Penzol en Vigo. Coa satisfacción dunha vida dedicada por enteiro a Galicia, falecía en Vigo o 26 de novembro de 2010.
Este 2023 descubrimos que moito do que somos os galegos e galegas hoxe, é grazas a figuras como Francisco Fernández del Riego, tan preocupado por facer chegar o pasado, o legado de tantos e tantas ata os nosos días, para ser recollido e reivindicado por todas as xeracións que viñemos tras del. E para o ano que vén, seguiremos recordando o seu traballo, celebrando un novo día das Letras Galegas.