O acordo de tregua no Líbano prorrógase ata o 18 de febreiro
O acordo de tregua no Líbano prorrógase ata o 18 de febreiro
A administración de Donald Trump anunciou tamén o inicio de negociacións cos gobernos de Israel e do Líbano para "o regreso dos prisioneiros libaneses capturados despois do 7 de outubro de 2023"
22 mortos e 124 feridos por disparos das tropas israelís en diferentes puntos da franxa fronteiriza, este domingo
O acordo de tregua no Líbano, que pausou o conflito entre Israel e Hezbollah, foi prorrogado ata o próximo 18 de febreiro, anunciaron este domingo os Estados Unidos, que exerceron como mediadores nas negociacións.
"O acordo entre o Líbano e Israel, supervisado polos Estados Unidos, seguirá vixente ata o 18 de febreiro de 2025", expresou a Casa Branca nun comunicado.
Na nota, a administración de Donald Trump anunciou o inicio de negociacións cos gobernos de Israel e do Líbano para "o regreso dos prisioneiros libaneses capturados despois do 7 de outubro de 2023".
Este domingo expirou o acordo de cesamento do fogo no Líbano anunciado en novembro pasado polo daquela presidente dos Estados Unidos Joe Biden.
Ese pacto establecía a retirada das tropas israelís do sur do Líbano e o repregamento do grupo xiíta Hezbollah ao norte do río Litani, a uns 30 quilómetros ao norte da fronteira con Israel.
O Goberno israelí xa anunciara o venres pasado que non sacaría a tempo ás súas forzas, aínda presentes nos Líbano desde a invasión lanzada o 1 de outubro, alegando que a outra parte incorreu en demoras á hora de implementar as tarefas que lle foron asignadas.
Israel retirouse da maior parte do sector leste, pero continúa presente en diversos puntos da parte oeste do sur do país.
22 mortos e 124 feridos por disparos das tropas israelís en diferentes puntos da franxa fronteiriza, este domingo
Os residentes do sur do Líbano trataron de entrar este domingo ás súas localidades ocupadas por Israel, pero o intento acabou con 22 mortos e 124 feridos por disparos das tropas israelís en diferentes puntos da franxa fronteiriza.
Ante os incidentes deste domingo, o recentemente nomeado presidente libanés, Joseph Aoun, limitouse a pedir "autocontrol" á poboación e a asegurar nun comunicado que estaba a seguir o asunto "aos máis altos niveis"
Hezbollah, pola súa parte, congratulou os desprazados por aferrárense a "cada gran de area" da súa terra e demostrar que son "gardiáns leais da soberanía da patria".