O alcalde de Mariupol, na Coruña: "Non podemos esquecer nin perdoar o que Rusia lle fixo a Ucraína""
O alcalde de Mariupol, na Coruña: "Non podemos esquecer nin perdoar o que Rusia lle fixo a Ucraína""
O alcalde de Mariupol, na Coruña: "Non podemos esquecer nin perdoar o que Rusia lle fixo a Ucraína""
Vadym Boichenko foi recibido pola alcaldesa, Inés Rey, antes de dar unha conferencia en CESUGA
Boichenko cre que a guerra de Ucraína é unha "responsabilidade colectiva" de todo o mundo occidental
Mariupol foi un dos primeiros obxectivos que as tropas rusas atacaron cando invadiron Ucraína hai xa case tres anos. A cidade, porto estratéxico situado no mar de Azov, no leste do país, resistiu preto de tres meses o asedio e os bombardeos continuos do exército ruso, pero ao cabo non tivo outra opción que renderse.
"En Mariupol morreron máis de 20.000 persoas. Acaso podemos perdoar iso?", pregúntase o alcalde no exilio. "Podemos esquecelo? A miña resposta é non", conclúe Vadym Boichenko.
Máis aló das vítimas mortais, o oitenta por cento dos veciños de Mariupol, que antes da invasión eran arredor de medio millón, residen agora mesmo noutros lugares de Ucraína ou mesmo noutros países europeos. Desde a distancia, Vadym Boichenko busca apoios para levar a cabo unha reconstrución en varias fases que só poderá completarse cando o seu país recupere o control dos seus territorios.
"Rusia veu a nos destruír como nación. E nós loitamos pola nosa liberdade e independencia", asegura Boichenko. "Pero esta guerra é unha responsabilidade colectiva que precisa dunha paz longa e duradeira, para poder levar os seus responsables ante a xustiza e que Ucraína poida ser compensada".