O ambiente de terror empeza a invadir rúas e locais
O ambiente de terror empeza a invadir rúas e locais
A dúas semanas do 31 de outubro, cidades e vilas vanse ambientando para festexar o Samaín
Os bonecos articulados, canto máis terroríficos mellor, son do primeiro en venderse, para ambientar outros locais.
"Xa desde hai uns dez días comezou o movemento. Pero vai de menos a máis. Os últimos días é unha loucura", explica Patricia Torres, vendedora.
Porque o Samaín non é unicamente un entroido de outono. Os disfraces representan só unha pequena parte das vendas para as tendas especializadas.
"Hai máis cantidade de produtos porque levan os coles, os veciños... Aldeas que veñen comprar para que os nenos saian por alí...", detalla Ángeles Fernández, que vende artigos de festa.
O mercado vai cada ano a máis, a campaña máis forte ata o Nadal, e xa alcanzou tamén as mascotas: "De esqueleto, de araña, a meiga, que é supersimpática", sinala Ángeles.
Os humanos tamén temos onde escoller. O mercado do medo vaise especializando e xa hai propostas personalizadas, a medida e baixo demanda.
"Primeiro só faciamos o escaparate, pero vendíanse as pezas do escaparate, así que agora xa facemos máis cousas. Os ourensáns somos moi entroideiros, encántanos pasar a un mundo de fantasía", cóntanos a modista Rome Fernández.
E isto é só un aperitivo, para ir abrindo boca. O prato forte, o día 31.