Publicador de contidos
Publicador de contidos

Reclaman máis persoal psicolóxico nas escolas para prever prácticas suicidas

Reclaman máis persoal psicolóxico nas escolas para prever prácticas suicidas

O suicidio é a primeira causa de morte non natural entre os 10 e os 19 anos

O 10 % de adolescentes tivo pensamentos suicidas nalgún momento da súa vida

Cartel da campaña “Educación inclusiva, saúde mental positiva”
G24.gal 05/03/2023 14:48 Última actualización 05/03/2023 18:31

O aumento de prácticas suicidas e de autolesións na adolescencia preocupa no ámbito educativo e evidencia que é imprescindible, segundo os profesionais da psicoloxía, dunha atención temperá e especializada. Insisten na necesidade de traballar desde a prevención e de observar os cambios de conduta que se poidan dar nos menores.

O suicidio é a primeira causa de morte non natural entre os 10 e os 19 anos e, segundo un estudo da Universidade de Santiago, o 10 % de adolescentes tiveron pensamentos suicidas nalgún momento da súa vida. Olegaria Mosqueda Bueno, psicóloga educativa e orientadora escolar:

"Digamos que o suicidio non é a busca da morte. É querer vivir pero sen malestar, de maneira que o neno ou adolescente vive con ese malestar, con tal dor, con tal angustia, con tal tristeza e impotencia que non quere vivir así, quere vivir ben. Pero como non é capaz a solución que encontra é o suicidio".  

Nos máis pequenos nin sequera se percibe que, ademais de non ser unha solución, é irreversible. Por iso, desde os equipos profesionais da psicoloxía educativa insisten na importancia dos programas de prevención nos que os rapaces poidan expresar o que senten, identificar as súas emocións e pedir axuda.

"Tanto a familia, como o centro educativo, como o grupo de iguais debemos estar atentos aos nosos compañeiros, a eses nenos e adolescentes para ver cales son os seus cambios, que lles preocupa e acompañalos. E sobre todo recomendarlles que conten o que lles pasa, que pidan axuda e non teñan medo porque todo ten solución e podes mellorar coa axuda axeitada". 

Desde o Consello Xeral de Psicoloxía reclámase que os centros escolares teñan un psicólogo educativo por cada 200 alumnos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade