Publicador de contidos
Publicador de contidos

O BNG incorporará propostas que cambien o rumbo de Galicia e a saquen do "retroceso"

O BNG incorporará propostas que cambien o rumbo de Galicia e a saquen do "retroceso"

G24.gal 03/01/2024 14:50 Última actualización 03/01/2024 15:00

O BNG incorporará ao seu programa para as eleccións do 18 de febreiro unhas propostas que, a xuízo dos nacionalistas, son vitais para cambiar o rumbo de Galicia e sacala do "retroceso" en que está inmersa.

En palabras Olalla Rodil, coordinadora xunto a Luís Bará do programa electoral do BNG, "hai alternativa a ese retroceso demográfico, económico e social se tomamos as decisións adecuadas para cambiar o rumbo deste país para partir do 18 de febreiro".

Así se pronunciou a política nacionalista nunha comparecencia perante os xornalistas con motivo dunha reunión do Consello Asesor que presentou algunhas das propostas que serán incorporadas ao programa de goberno co que o Bloque concorrerá ás eleccións galegas.

Rodil fixo un chamamento á sociedade galega "para non caer na resignación, para non caer no 'isto é o que hai', porque non é a única Galicia posible", dixo.

Unhas propostas, afirmou, "ambiciosas pero tamén realistas", nun momento no que a comunidade ten que "apostar pola ciencia, pola industria, apostar por unha Galicia máis cohesionada, no territorial e no social.

"En definitiva, apostar por unha Galicia que sexa o mellor lugar para vivir e para traballar", subliñou.

Segundo Olalla Rodil, os anos de goberno do PP deixan unha comunidade autónoma en "unha dinámica bastante preocupante que está a achicar o país".

"Perdemos poboación nova e formada, perdemos músculo económico e industrial, cae o investimento externo, increméntanse os desequilibrios territoriais, deterióranse as condicións laborais e os servizos públicos...", engadiu.

Para cambiar esta situación, ao seu entender, Galicia necesita a partir do 18F "abrir un novo ciclo histórico que deixe atrás o conformismo" e que se asente en tres piares "fundamentais": impulsar grandes acordos entre os axentes sociais en temas estratéxicos, ampliar a capacidade política e o autogoberno, e traballar na reactivación económica e na xeración de emprego de calidade.

Neste sentido, a coordinadora do programa electoral do BNG expuxo algunhas das propostas expostas polo Consello Asesor, e citou o sector público como "elemento dinamizador" da economía poñendo en marcha un plan de investimentos estratéxicos que mobilice 1.500 millóns de euros no período 2024-2028, ademais de desenvolver unha "estratexia de compra pública responsable" para apoiar ao tecido produtivo galego.

Outra das propostas do Consello Asesor é a posta en marcha dun plan de reindustrialización que fomente da actividade tecnolóxica e industrial, de forma que a industria aumente en sete puntos a súa participación no PIB ata situala en torno ao 23 % e que xere 12.000 postos de traballo en sectores estratéxicos.

Ademais, os nacionalistas propoñen "un pacto pola ciencia" de forma que se dedique a este ámbito o 3 % do PIB ata o ano 2030, crear un consorcio para as competencias dixitais, ou desenvolver unha empresa pública no sector enerxético para crear unha tarifa eléctrica galega.

No sector agrario, o BNG aposta pola mobilización de 100.000 hectáreas de superficie agraria, e no aspecto social considera vital colocar "no centro das políticas ás persoas", apostando pola redución da xornada laboral a 35 horas á semana e garantindo postos de traballo "en condicións dignas e xustamente remunerados". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade