A calor propicia a proliferación de avésporas velutinas
A calor propicia a proliferación de avésporas velutinas
Agora os niños non chegan a alcanzar as dimensións vistas nos primeiros anos da invasora en Galicia
As velutinas viven ás súas anchas no ambiente de calor, vense máis e a poboación tamén está máis pendente de onde aniñan. Por iso está a haber máis avisos de localización de niños da avéspora asiática. Pero tamén varios anos de loita continua de moitos concellos, colectivos e particulares, propiciou unha evolución positiva no combate desta invasora.
Miguel Ángel Couto, xefe do Servizo de Protección Civil do Concello de Cuntis, di: "Estamos a retirar ente catro e seis niños por día e non son deses grandes. Debe ser que a xente está a revisar cubertos, faiados...".
Precisa Couto que eles interveñen cando o niño está en vivendas ou zona habitada. Que atacan o niño pola noite, como farán con este localizado nunha rúa de Cuntis para coller dentro o maior número de avésporas posible. Mentres nos exhibe o material que empregan para matar as avésporas asiáticas, sinala que os operarios da Xunta os destrúen durante o día cando moitas están fóra do niño.
"As avespas agora están en plena produción. Hai que darse conta de que estes dous meses para elas é todo reprodución de obreiras e en setembro xa empezan as raíñas a saír dos niños novos. É cando máis lles hai que atacar, de xeito que non saian as raíñas para non ter tantos niños para o ano que vén. Hai niños en todos os lados e non todos os concellos poñen os medios necesarios, pero hai outros que non poñen nada e, daquela, ten que ir o 012 e non dá feito", explica Couto.
O éxito no combate desta especie invasora está no ataque conxunto, empezando pola colocación de trampas nos lugares en que laboran.