O chavismo e a oposición rexeitan repetir as eleccións en Venezuela
O chavismo e a oposición rexeitan repetir as eleccións en Venezuela
A proposta saíu dos presidentes do Brasil e de Colombia, que exercen de mediadores na crise política
O chavismo e a oposición medirán forzas en senllas manifestacións este sábado
A idea de repetir as eleccións en Venezuela partiu do presidente do Brasil, Luiz Inácio Lula da Silva e do de Colombia, Gustavo Petro. Incluso por unhas horas semellaba que os Estados Unidos apoiaban a proposta. Pero ao pouco, a Casa Branca explicaba que Joe Biden entendeu mal a pregunta.
Tamén se descolgou o presidente de México, Andrés López Obrador, que considera que unha repetición electoral non sería "prudente".
En Venezuela, Nicolás Maduro rexeita calquera inxerencia estranxeira na política interna. "Eles teñen moitos problemas, que queden cos seus problemas, porque aquí na nosa patria mandamos os venezolanos e as venezolanas", dixo o líder chavista.
Tamén os líderes da oposición se negan a repetir as eleccións. Para María Corina Machado, "a soberanía popular respéctase e as eleccións xa ocorreron". Edmundo González Urrutia insta a Nicolás Maduro a que "respecte a vontade do pobo venezolano" e pide un "cambio en paz".
Os opositores animan a manifestarse este sábado, tanto en Venezuela como en 300 cidades de todo o mundo. Tamén o chavismo convoca as súas bases para que saian á rúa o mesmo día.
As protestas iniciais saldáronse, segundo as ONG, con máis de 1.400 detidos, un cento deles son menores de idade. Afirman as organizacións que, polo momento, só 55 foron liberados.