Publicador de contidos
Publicador de contidos

O CIS outorga un empate técnico ao PP e PSOE se se celebrasen eleccións xerais

O CIS outorga un empate técnico ao PP e PSOE se se celebrasen eleccións xerais

O PP obtería o 33,2 % e o PSOE o 33 %, segundo a estimación de voto do CIS no seu barómetro de febreiro, que tamén augura a consolidación de Sumar como terceira forza cun 10,2 %

Vox mantense en cuarto lugar, co 7,9 % e Podemos levaría o 2,9 %

ERC chega ao 2,1 % de voto estimado e Junts cae ata o 1 % de apoios

O BNG obtén o 0,7 %

G24.gal 12/02/2024 14:17

Se se celebrasen eleccións xerais o PP obtería o 33,2 por cento de apoio e o PSOE o 33 por cento, segundo a estimación de voto que fai o Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) no seu barómetro de febreiro, que tamén augura a consolidación de Sumar como terceira forza cun 10,2 por cento.

Tras superar o PSOE o PP na súa anterior enquisa de xaneiro, esta nova mostraxe realizada entre o 1 e o 6 de febreiro apunta a un ascenso de 1,1 puntos para os populares simultáneo a unha caída dun punto para os socialistas, o que fai empatar a ambas as dúas formacións.

Vox mantense en cuarto lugar, co 7,9 por cento dos sufraxios e 0,4 puntos menos, e Podemos levaría o 2,9 por cento, ao gañar 0,2 puntos nesta mostraxe, onde destaca a subida de 0,7 puntos de ERC, que chega ao 2,1 por cento de voto estimado.

En plena polémica pola Lei de amnistía para os independentistas cataláns, Junts -o partido que está a dilatar a súa aprobación no Congreso- perde 0,5 puntos e cae ata o 1 por cento de apoios.

Entre os nacionalistas vascos, o PNV logra o 1 por cento ao sumar dúas décimas, mentres que EH-Bildu queda co 0,8 e deixa unha décima nun mes; o BNG obtén o 0,7 por cento, o extraparlamentario PACMA o 0,6, e Coalición Canaria un 0,1 por cento, igual que Unión do Pobo Navarro (UPN).

Yolanda Díaz é a dirixente mellor valorada

No novo estudo, elaborado a partir de 3.926 entrevistas telefónicas, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, sofre un desgaste nos parámetros que lle avalían, e así baixa 4,8 puntos a porcentaxe de enquisados que o prefire como xefe do Executivo, quedándose no 25,6 por cento.

Séguenlle como favoritos para ocupar a Moncloa o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo (17,2 por cento) e a de Sumar, Yolanda Díaz, a gran distancia cun 7,2.

Iso si, a tamén vicepresidenta segunda é a dirixente mellor valorada dun grupo que non supera o aprobado, aínda que por escasa marxe; Díaz é puntuada cun 4,27, Sánchez cun 4,25, Feijóo cun 4,18 e o presidente de Vox, Santiago Abascal, cun 2,76.

Pedro Sánchez tamén perde no índice de confianza porque agora o 29,7 por cento ten "moita" ou "bastante" confianza nel, un 4,8 por cento menos; ao mesmo tempo que crecen os que menos confían no presidente, ata o 68,5 por cento.

Pola súa banda, Feijóo eleva lixeiramente o grao de confianza ata o 25,9 por cento (1,1 por cento máis) e reduce na mesma proporción a súa desconfianza, ata o 72,4 por cento dos entrevistados.

Os problemas económicos, a primeira preocupación dos españois

Como en cada barómetro mensual, o CIS pregunta polas maiores preocupacións dos españois. Os problemas económicos sitúanse en primeiro lugar, citados polo 27,4 por cento, seguidos de "os problemas políticos en xeral" e o paro, ambos co 22,3 por cento.

Ademais, só o 28,6 por cento cualifica de "boa" ou "moi boa" a situación económica de España fronte ao 59,2 por cento que a considera "mala" ou "moi mala".

Os problemas da agricultura, gandería e pesca figuran na parte baixa da táboa, citados polo 2 por cento, seguidos da Lei de Amnistía, que queda por baixo desta porcentaxe, cun 1,8 e o posto 28 da relación de problemas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade