Publicador de contidos

Publicador de contidos

O comisionado do Corredor Atlántico afirma que o AVE a Portugal chegará "antes do 2032" e compromete o tren ao porto de Bouzas

O comisionado do Corredor Atlántico afirma que o AVE a Portugal chegará "antes do 2032" e compromete o tren ao porto de Bouzas

"Se eles din que van chegar no 32, nós estamos antes do 32", asegurou José Antonio Sebastián Ruiz

Queren "levar o tren" á terminal de Bouzas, onde están os silos de coches do Grupo Stellantis, e tamén á Plisan, o chamado porto seco de Vigo

Abel Caballero afirma que non é necesario e é daniño para esta cidade levar o tren a Bouzas"

O comisionado do Ministerio para o Corredor Atlántico, José Antonio Sebastián/M. Dylan/Europa Press
G24.gal 06/03/2025 16:50 Última actualización 07/03/2025 00:06

O comisionado para o Corredor Atlántico, José Antonio Sebastián Ruiz, afirmou que España ten previsto chegar coa Alta Velocidade ferroviaria á fronteira de Portugal con Galicia "antes" que o país veciño, é dicir, "antes de 2032".

"Coa saída sur de Vigo e a conexión con Portugal, nós estaremos a esperar na fronteira a que cheguen os portugueses. É algo moi claro e moi contundente", indicou Sebastián Ruiz.

O comisionado insistiu en que España segue "traballando para chegar nos tempos establecidos" e reiterou que estarán "a esperar a que Portugal chegue" co AVE a Galicia porque España "terminaría" antes.

"Se eles din que van chegar no 32, nós estamos antes do 32", asegurou Sebastián, quen lembrou que esta conexión dentro da Rede Transeuropea de Transportes para viaxeiros está prevista no ano 2040.

Afirmou que España cre "nas datas que di Portugal", cuxo ministro de infraestruturas sinalou a semana pasada que chegarán á fronteira co AVE en 2032, aínda que precisou que "hai noticias en Portugal" que non "fían" con esa previsión.

Tren Vigo e Madrid por Cercedo

Tamén se referiu ao tren entre Vigo e Madrid por Cerdedo en lugar de por Santiago de Compostela, e lembrou que se "vai lanzar un estudo informativo" para esa variante que, ademais, vai ser "totalmente soterrada".

Estimou que ese estudo informativo podería estar en dous anos, 2027, e quedaría por diante un ano de información pública e dous anos de avaliación de impacto ambiental ou máis, así como un ano para a licitación do proxecto, e posteriormente, a construción da obra.

"Se nós hoxe nos puxésemos a facer unha infraestrutura, que non houbese nada, nin un só papel, estamos nunha media de 15 ou 16 anos se todo fose ben e todo fose fiado", sinalou Sebastián.

Por outra banda, defendeu que queren "levar o tren" á terminal de Bouzas, onde están os silos de coches do Grupo Stellantis, e tamén á Plisan, o chamado porto seco de Vigo.

Resposta de Abel Caballero

Horas despois de que Sebastián asegurase que o Ministerio de Transportes quere "levar o tren" á terminal de Bouzas, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, ofreceu unha versión diferente.

"O Ministerio de Transportes e o alcalde de Vigo temos o acordo de que non é necesario e é dañino para esta cidade levar o tren a Bouzas", asegurou nun audio remitido aos medios de comunicación.

Segundo Caballero, "a terminal de Bouzas ten que ser utilizada na súa inmensa maioría da superficie para Stellantis" e o grupo de automoción "non quere tren na súa fábrica".

"Stellantis quere que permaneza como ata agora, porque, se non, xa fixese oír a súa voz. E se Stellantis non o quere, a nosa posición ten que ser a favor de Stellantis", indicou o alcalde.

Ademais, sostivo que este tren "rompería a cidade de Vigo" e iso non está disposto a "tolerar".

"Hai un acordo, e isto está falado co secretario de Estado de Transportes, con José Antonio Santano, e xa quedou descartado calquera opción do tren a Bouzas, porque nin é conveniente, nin ten sentido común, e vai en contra da industria da automoción e en contra da cidade de Vigo. E isto é o que neste momento está encima da mesa", sentenciou Caballero.

Na súa opinión, "o Porto de Vigo xa ten tren, na terminal de contedores, e aí é onde hai que actuar e reforzar, porque, para que todo o mundo sáibao, algúns anos, a utilización do tren polo Porto de Vigo é cero, practicamente nula".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade