O Comité de Alcoa pregunta ao Goberno "que apoios" vai aprobar ante a suba do gas
O Comité de Alcoa pregunta ao Goberno "que apoios" vai aprobar ante a suba do gas
Os representantes dos traballadores aseguran que xa baixou a produción para reducir as perdas
O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao trasladou este xoves a súa preocupación ao Goberno de España en relación co futuro da refinería de alúmina. Segundo manifestaron o elevado prezo do gas obrigou xa a reducir a produción para mitigar as perdas que ían acumulándose.
Os representantes do comité transmitíronlle esa preocupación ao Goberno no transcurso da reunión de seguimento do acordo alcanzado coa multinacional para parar as cubas de San Cibrao, a cambio dun investimento que supera os 100 millóns de dólares na modernización da fábrica de aluminio primario, que ten previsto o seu rearranque en xaneiro de 2024.
Esa reunión tivo lugar no Ministerio de Industria e nela tamén participaron representantes do Goberno e da Xunta de Galicia.
Despois dese encontro, o presidente do comité, José Antonio Zan, dixo que espera que o Goberno aclare “que apoios” vai activar para “salvar esta situación”, porque é “moi preocupante” para unha refinería de alúmina como a de San Cibrao, que é un dos maiores consumidores de gas de España.
Respecto á evolución do acordo con Alcoa, opina que os investimentos na planta están encarrilados e dixo que “está próxima a execución de todas” as obras, salvo “a do forno, que empezará en xaneiro”.
En canto aos contratos de subministración de enerxía a longo prazo, dixo que “están totalmente en mans das administracións”. No caso da Greenalia, aclarou que “unha gran maioría” dos parques eólicos que abastecerán á fábrica están en “tramitación administrativa” e confía na súa aprobación.
O comité non obtivo en cambio información sobre as demais que se están negociando por parte da compañía.