O Compostela pecha a tempada perdendo en Cantabria
O Compostela pecha a tempada perdendo en Cantabria
Os de Antón Permui nin sequera gañan o seu partido e quedan fóra da promoción
Desprazamento con moito que gañar para a S. D. Compostela, que visitaba un rival directo, o Raio Cantabria. Coa ollada posta no partido do Langreo en Cayón, os de Antón Permui debían gañar e esperar se querían entrar na promoción, mais nin sequera conseguiron atar o seu resultado.
O partido comezaba de maneira inmellorable cun primeiro gol de Samu nunha falta que non bate en ninguén e que remata por meterse na meta local. A partir de aí a primeira parte estivo pelexada sen ocasións moi claras para ningún dos dous equipos, que xa sabían que o Langreo marchaba gañando ao descanso por dous a cero.
Na segunda metade os cambios beneficiarían os locais. Diego Campo poñería o empate no marcador tan só dous minutos de entrar no campo tras unha perda en saída de balón dos picheleiros. Coa afección local entregada, o Compostela non conseguiría manter o dominio do xogo nin xerar moito perigo, e o filio racinguista buscaba as súas de maneira directa. Así chegaría o segundo gol, nun balón botado nunha falta lateral que quedaría morto na área e remataría na porta de Pato. Cara ao final do partido, outro gol dende o lado dereito do Raio Cantabria pecharía definitivamente as poucas opcións dun Compostela que quería mais non podía. De nada valeu un gol do Cayón que abría unhas poucas posibilidades para os composteláns.
Resultado final de tres a un que mete ao Raio Cantabria na promoción de ascenso á primeira RFEF. Pola súa banda, o Compostela pecha unha tempada lonxe dos obxectivos marcados ao comezo, cun banco por onde pasaron ata tres adestradores distintos. Veremos se, co recentemente renovado Antón Permui, as cousas cambian cara ao ano que vén.