O Congreso do Perú rexeita adiantar as eleccións para o vindeiro outubro
O Congreso do Perú rexeita adiantar as eleccións para o vindeiro outubro
O luns volverá debaterse esta opción, unha das demandas principais das protestas contra o Goberno
A presidenta do país, Dina Boluarte, insta o Congreso a aprobar o adianto para saír da crise
O pleno do Congreso do Perú rexeitou adiantar as eleccións xerais no país para o vindeiro outubro, tras debater durante máis de oito horas un proxecto exposto polo presidente da Comisión de Constitución, o fujimorista Hernando Guerra García.
A proposta recibiu 45 votos a favor, 65 en contra e 2 abstencións. Porén, segundo informou o presidente do Congreso, José Williams, presentouse un pedido de reconsideración que se debaterá o vindeiro luns e que implica unha nova votación.
Ao tratarse dunha reforma constitucional, ten que contar co voto favorable de 87 parlamentarios en dúas lexislaturas consecutivas para a súa aprobación ou o mínimo de 67 para que se poida levar a referendo.
Durante o debate, Guerra García sostivo que o adianto é "unha necesidade" para "darlle un alivio" ao país "e á cidadanía", en referencia ás manifestacións antigobernamentais que deixaron 64 persoas mortas dende decembro.
Pola súa banda, a presidenta Dina Boluarte insta o Congreso a que aprobe a iniciativa como medida para saír da crise e en resposta a unha das demandas principais das protestas. Ademais, reclaman a súa renuncia, o peche do Congreso e a convocatoria a unha asemblea constituínte.
Proposta
O proxecto propón incorporar disposicións transitorias especiais para que as eleccións xerais se celebren en outubro de 2023, que o novo Congreso asuma as súas funcións o 31 de decembro e o novo Goberno o 1 de xaneiro de 2024.