Aprobada a reforma do Constitucional e a modificación do Código Penal nun pleno moi tenso
Aprobada a reforma do Constitucional e a modificación do Código Penal nun pleno moi tenso
A derrogación da sedición e a rebaixa da malversación apróbase no Congreso entre duras acusacións dos grupos e con referencias golpistas
Sánchez acusa a PP e Vox de urdir un "complot" para "amordazar" o Parlamento
O PP e Cs non participan na votación e Vox abandona o hemiciclo
A reforma impulsada polo Goberno para transformar o delito de sedición nunha desorde pública agravada e rebaixar as penas por malversación saíron adiante no Congreso entre acusacións de golpismo e coas olladas postas no Tribunal Constitucional que finalmente aprazou ao luns a súa decisión sobre se frea parte desta lei a petición do PP.
O PP e Ciudadanos decidiron non votar en sinal de protesta. Con 184 votos a favor dos socios de coalición e dos seus aliados parlamentarios, 64 en contra e unha abstención, pon rumbo ao Senado a proposición de lei en que PSOE e Podemos incluiron a última hora unha reforma para desbloquear a renovación pendente de catro maxistrados do Tribunal Constitucional.
O obxectivo do Goberno é que a lei, que modifica os dous delitos polos que foron condenados os líderes do procés e polos que aínda debe ser xulgado Carles Puigdemont, vexa a luz antes de fin de ano.
O tirapuxa no Congreso
Para Inés Arrimadas, presidenta de Ciudadanos, "o Goberno de España está repetindo o que fixo o separatismo en 2017".
Nada máis comezar, os deputados de VOX marcharon e o seu líder explicou por que. Santiago Abascal cre que "hoxe estamos asistindo en vivo e en directo a un golpe institucional".
Foi a primeira das moitas acusacións de golpismo que uns e outros cruzaron. Os que apoian o Goberno, pola posible intervención xudicial que ameazaba con suspender o debate.
Gabriel Rufián, de ERC, ironizaba: "falo con medo a que entre Tejero con toga". Para Jon Iñarrritu, de EH Bildu, é "o feito máis grave en termos democráticos desde o 23-F".
E Jaume Asens, voceiro de Unidas Podemos, acusaba á dereita de que "aínda que non deixasen buratos aquí enriba, vostedes están intentando perforar a democracia cun golpe silencioso".
A número dous do Partido Popular criticaba a ausencia de Pedro Sánchez no pleno e cargaba contra unha reforma que chegue en forma de proposición de lei, é dicir, sen informes previos nin debate.
Cuca Gamarra acusou o Goberno de "mimetizarse tanto con aqueles que deron un golpe á democracia, que chegaron a pensar que a democracia é só para vostedes ou que a democracia son vostedes".
E o PSOE recuperaba as alusións ao acontecido nese mesmo lugar hai 41 anos. O seu deputado, Felipe Sicilia, cre que entón a dereita "quixo parar o pleno e a democracia con tricornios e hoxe quixeron facelo con togas".
Alusións que provocaron a protesta máis airada da bancada popular. Nin o PP nin Ciudadanos participaron na votación coa que, finalmente, saíu adiante a norma que reduce as maiorías necesarias para renovar o Tribunal Constitucional.
Sedición e malversación
A reforma do Código Penal supera o seu primeiro trámite parlamentario. Esquerra Republicana aplaude a eliminación do delito de sedición e a rebaixa das penas para o de malversación, e insiste en que a súa fin última é a convocatoria dun referendo de independencia.
O asunto encendeu o debate entre o PSOE e os partidos da oposición, que ven o Goberno sen límites.
"Ata onde vai chegar o Goberno de Pedro Sánchez?, imposible sabelo porque fixeron todo o que negaron que foran facer. Negaron pactar cos separatistas e pactaron, negaron indultalos e vaia se os indultaron. Negaron quitar a sedición e agora quítana" foron palabras de Inés Arrimadas, de Ciudadanos.
"Cando se fai todo isto non se está facendo en feitos pasados. Estase pensando en xeracións e en feitos presentes e futuros. Porque por moito que lles pese ese anhelo separatista non vai desaparecer. E nós o único que propoñemos é votar", contestaba Gabriel Rufián.
"O que busca o Goberno e os seus socios é unha amnistía encuberta de todos os golpistas, derrogando o delito de sedición e favorecendo que o volvan cometer", dixo
Javier Ortega Smith, de Vox.
"Adaptar o ordenamento xurídico aos estándares europeos é un exercicio de hixiene democrática. Os delitos obsoletos como o da sedición son para os museos" contestaba desde Unidas Podemos, Jaume Asens.
Cuca Gamarra, do PP, preguntáballe ao Goberno: "onde aparece no seu programa electoral que van derrogar o delito de sedición, ou que van abaratar a corrupción?. É unha fraude incluso para os seus electores. Se teñen vergoña e son valentes, poñan de novo as urnas".
E Felipe Sicilia, do PSOE, contestaba: "Vostedes, señores do PP, modificaron o Código Penal e o delito de malversación en 2015 co voto en contra da maioría da Cámara e con informes en contra do CXPX e do Consello Fiscal. E pregúntolles: por que vostedes podían modificar o Código Penal e o resto da Cámara non?"
Peticións de aprazamento rexeitadas
A presidenta do Congreso dos Deputados, Meritxell Batet, rexeitou as peticións de PP, Vox e Ciudadanos de aprazar o pleno extraordinario previsto este xoves para votar unha ampla reforma impulsada polo Goberno para eliminar o delito de sedición e rebaixar as penas do de malversación, amais de introducir cambios no Poder Xudicial que permitan a renovación do Tribunal Constitucional.
Ao comezo do pleno extraordinario, os tres partidos pedironlle á presidenta que suspenda o pleno ata que o Tribunal Constitucional decida o vindeiro luns se se admite o recurso do PP no que pide frear de forma cautelarísima os cambios previstos na norma, no modo de elección dos maxistrados do Tribunal Constitucional por parte do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX).
"Non hai razón nin hai obstáculo para non continuar co procedemento lexislativo previsto", sinalou Batet.
Rexeitou suspender o pleno "en defensa da autonomía parlamentaria", da "potestade lexislativa desta cámara" e do "debate, que non responde máis que a unha democracia deliberativa e ao poder lexislativo".
Os 52 deputados de Vox foron abandonando o hemiciclo en protesta polo sucedido.