O conselleiro de Medio Rural afirma que se está a traballar na delimitación dos lumes
O conselleiro de Medio Rural afirma que se está a traballar na delimitación dos lumes
O conselleiro de Medio Rural José González asegura nunha entrevista do Galicia por diante que nestes momentos están traballando na delimitación perimetral dos lumes, sobre todo, na comarca de Valdeorras e no Courel, os dous que máis preocupan. Hoxe está prevista unha baixada das temperaturas pero, aínda así, preocupa que un cambio na dirección do vento poida dificultar a extinción, sinala o conselleiro.
José González indica que nas últimas horas tiveron que ser desaloxadas 25 aldeas e un total de 465 veciños no incendio que afecta os concellos próximos ao Courel, sobre todo no núcleo de Folgoso e na Pobra do Brollón. Na comarca de Valdeorras, están evacuadas sete aldeas e 200 veciños pola proximidade das lapas ás vivendas.
"A principal prioridade do servizo de prevención e extinción de incendios de Galicia foi evitar, en todo momento, que puidera haber algunha desgraza nas nosas aldeas", sinala nas ondas da Radio Galega. Entende tamén o inconveniente que viviron todos os veciños que tiveron que pasar a noite fóra das súas casas e explica: "Ante a magnitude dos datos e do comportamento explosivo dos incendios, tomouse esa decisión técnica de proceder ao desaloxo, e penso que foi unha boa decisión".
Sobre as causas destes lumes, o conselleiro indica que, polo momento, e á espera dos resultados das investigacións, todo indica que a maioría de lumes foron provocados polos raios da tormenta que afectou Galicia o xoves á tardiña.