Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Consello de Europa rebaixa o nivel de protección do lobo, pero o Goberno di que non afecta a España

O Consello de Europa rebaixa o nivel de protección do lobo, pero o Goberno di que non afecta a España

O lobo pasa de ser unha especie "estritamente protexida", cuxa caza estaba practicamente prohibida, ao estatuto de simple especie protexida, o que autoriza a captura de forma limitada 

Von der Leyen ve un enfoque equilibrado para a vida rural rebaixar a protección do lobo

A Xunta cifra en máis de 3.300 animais mortos en Galicia este ano por ataques do lobo

G24.gal 03/12/2024 12:27 Última actualización 03/12/2024 18:14

O comité permanente encargado de supervisar a Convención de Berna decidiu este martes aceptar a proposta da Unión Europea (UE) para rebaixar o nivel de protección do lobo, que pasa de ser unha especie "estritamente protexida" ao estatuto de simple especie protexida.

Este cambio debe entrar en vigor tres meses despois de que se publique a decisión o vindeiro venres, aínda que de aquí a entón, o 7 de marzo de 2025, non se levaría a cabo se un terzo (17) dos países que forman parte da Convención de Berna manifestasen a súa oposición, precisou o Consello de Europa nun comunicado. 

A principal novidade co cambio de estatuto é que, co de protección estrita, a caza ou a captura destes animais estaba practicamente prohibida.

A UE, que no comité da Convención de Berna vota polos 27 Estados membros que a compoñen, propuxo o pasado 27 de setembro esta alteración do estatuto, co voto en contra de España, o que formalmente significa desprazar o Canis Lupus do seu Anexo II ao Anexo III.

Baixo o réxime do Anexo II está prohibida calquera forma de captura intencional ou de morte intencional -o que inclúe a caza-, así como a destrución ou a deterioración dos espazos de reprodución ou das áreas de descanso. Igualmente está proscrito o comercio e a detención destes animais.

Pero co Anexo III, as cousas cambian, xa que a regulamentación si que pode permitir algunhas desas prácticas, a condición de "manter a existencia desas poboacións fóra de perigo".

Nese caso, a caza pode estar autorizada pero de forma limitada no espazo e no tempo.

Von der Leyen ve un enfoque equilibrado para a vida rural rebaixar a protección do lobo

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, afirmou este martes que a decisión adoptada polo comité permanente do Convenio de Berna de rebaixar a protección dos lobos é "importante" e responde á necesidade de ter un "enfoque equilibrado" entre a preservación da especie e a protección dos medios de vida no mundo rural.

"Unha noticia importante para as nosas comunidades rurais e agricultores. O Convenio de Berna decidiu axustar o status de protección dos lobos porque necesitamos un enfoque equilibrado entre a preservación da vida silvestre e a protección dos nosos medios de vida", dixo Von der Leyen nun comunicado.

O "fundamento" da demanda da UE estivo "sempre baseada en criterios científicos", subliñou a portavoz da Comisión Europea de Medio Ambiente, Anna-Kaisa Itkonen, en conferencia de prensa.

Despois do 7 de marzo próximo, a UE poderá adaptar os anexos correspondentes da Directiva europea de hábitats, precisou.

A Comisión Europea anunciou que propoñerá unha modificación lexislativa específica para ese efecto, que deberá ser adoptada polo Parlamento Europeo e o Consello, como é habitual.

Este cambio dará maior flexibilidade aos Estados membros para xestionar as súas poboacións locais de lobos, segundo o Executivo comunitario.

Ao mesmo tempo, como o lobo seguirá sendo unha especie protexida, as medidas de conservación e xestión dos Estados membros seguirán tendo que alcanzar e manter un status de conservación favorable, engadiu Bruxelas.

Para a Comisión, os investimentos en medidas adecuadas de prevención de danos seguen sendo esenciais para reducir a depredación do gando por parte dos lobos.

E subliñou que seguirá axudando aos Estados membros e ás partes interesadas no deseño e a aplicación de ditas medidas mediante financiamento e outras formas de apoio, que non precisou.

A Comisión propuxo hai un ano cambiar o status de protección do lobo, en base a datos sobre o aumento das poboacións lobeiras e do impacto no mundo rural dese incremento.

A proposta foi adoptada polo Consello da UE en setembro pasado. A Eurocámara expresouse no mesmo sentido en novembro de 2022.

Para solicitar o cambio, a Comisión alegou que o estatuto de protección do lobo adoptouse en 1979 -en virtude do convenio internacional de Berna sobre a conservación da fauna e flora silvestres e os hábitats naturais de Europa-, tendo en conta os datos científicos dispoñibles no momento das negociacións.

"A reaparición dos lobos é unha boa noticia para a biodiversidade en Europa. Pero a concentración de mandas de lobos nalgunhas rexións europeas converteuse nun perigo real, especialmente para o gando", dixo entón Von der Leyen.

As peticións de permitir unha maior flexibilidade para xestionar máis activamente as concentracións críticas de lobos chegaron de varias rexións europeas, entre elas de varias comunidades autónomas españolas, como Cantabria, Castela e León e Asturias, as denominadas comunidades lobeiras en España, así como A Rioxa e Andalucía. 

 A Xunta pediralle ao Goberno unha reunión

Á rebaixa na protección do lobo referiuse a conselleira de Medio Ambiente. Ánxeles Vázquez celebra a decisión e avanza que pedirá unha reunión coa nova ministra de Transición Ecolóxica, Sara Aagesen, para que teña en conta os intereses dos gandeiros galegos.

O Goberno mantén que non haberá cambios

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico insiste en que a toma de decisións en España sobre esa regulación debe basearse no coñecemento e a ciencia.

Neste sentido, o Goberno mantivo que non haberá cambios e se os datos contrastados de poboación do lobo ibérico e as evidencias científicas indicasen unha tendencia diferente, España tomaría as medidas necesarias.

Gandeiros e cazadores pídenlle ao Goberno que siga as recomendacións de Europa

As asociacións agrarias pediron que o Goberno se aliñe coa Unión Europea. Na mesma liña expresouse a Fundación Artemisan, que sinalou que espera que España siga a liña dos países europeos.

O portavoz de Lobo e Gandería Extensiva da Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (COAG), Gaspar Anotarche, explicou que a "incógnita" vai estar no que faga o Goberno español. Eles reclaman "control de poboacións". Aínda así, non ten "moitas esperanzas" con que o Executivo atenda ás súas reclamacións.

Pola súa banda, a Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros (UPA), insistiu a través dunha mensaxe en 'X' en que "agora é a quenda de España. "Xa é hora de facer unha verdadeira xestión da especie, que permita a convivencia do lobo coa gandería", destacou.

Mentres, a Asociación Agraria de Novos Agricultores (ASAJA) celebrou a decisión e, na mesma liña que as outras dúas organizacións, instou ao Goberno español a aliñarse co cambio. 

Os gandeiros aseguran que dende setembro hai explotacións que levan 10 e 12 vacas mortas. Son perdas inasumibles para as granxas, e din que están ao límite das súas forzas por esa sangría de cartos, de estrés e de traballo que lles dá o lobo.

3.300 animais. mortos en Galicia este ano en ataques do lobo

A conselleira de Medio Ambiente actualizou este martes a cifra de gando atacado polo lobo en 2024. Di que morreron máis de 3.300 animais. Vázquez recolleu as queixas dos gandeiros do Pino e Arzúa, onde o lobo está atacando de maneira especialmente intensa este ano. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade