Condicións para acceder aos avais para a compra de vivenda: renda, idade ou fillos
Condicións para acceder aos avais para a compra de vivenda: renda, idade ou fillos
O Consello de Ministros aproba crear unha liña de avais a través do ICO que cubra o 20 % do crédito hipotecario
Podemos e os socios parlamentarios critican esa medida
O Goberno destinará 620 millóns a comprar terreros de Defensa para promover vivenda
O Consello de Ministros aprobou este martes a creación dunha liña de avais públicos que cubra ata o 20 % da hipoteca de familias con fillos a cargo e mozos de ata 35 anos, e financiar a promoción dunhas 43.000 vivendas públicas de alugueiro accesible con 4.000 millóns de fondos europeos, e impulsar outras 20.000 en terreos do Ministerio de Defensa.
A liña de avais, a través do ICO, vai dirixida a "mozos e familias con desexo e vontade de mercar vivenda, que teñan solvencia e capacidade financeira para iso, pero que non dispoñen do aforro necesario para pagar a entrada que lles solicita a entidade bancaria", explicou a ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez.
Condicións para acceder aos avais públicos
Así, será o Instituto de Crédito Oficial quen avalará esa parte que piden os bancos do 20 %, pero que pode chegar ao 25 % se a vivenda é de cualificación enerxética D.
Estes avais non terán custo para os beneficiarios e poderán solicitarse ata o 31 de decembro de 2025, prorrogable dous anos máis.
Os solicitantes deberán ter ingresos inferiores a 4,5 veces o Iprem e o dobre se se trata dunha parella.
En caso de que teñan menores a cargo, incrementarase un 0,3 % cada fillo e un 70 % máis os límites de ingresos en familias monoparentais.
620 millóns en terreos de Defensa
O Consello de Ministros tamén aprobou impulsar 20.000 vivendas en terreos do Ministerio de Defensa a través da Entidade Pública Empresarial do Solo, Sepes.
A ministra estimou o valor desta operación en 620 millóns de euros, e subliñou que con ela preténdese "mobilizar todo o solo dispoñible de Defensa para conformar o parque público de vivenda.
Este acordo permitirá desenvolver máis de 50 actuacións en 14 comunidades autónomas e nas cidades autónomas de Ceuta e Melilla, sobre máis de 8 millóns de metros cadrados e coa vista posta en executar esas 20.000 vivendas destinadas ao alugueiro social ou alcanzable, segundo explicou a ministra. En Galicia, serán ao redor de 500. A maioría en Ferrol, 325, A Coruña, 88 e Pontevedra, 73.
A este respecto, explicou que hai actuacións que serán máis rápidas xa que os chans xa están preparados, mentres que outras requirirán máis tempo dado que os chans están pendentes de plan ou urbanización. "Non son cousas que se poidan materializar dun día para outro", agregou.
Críticas no seo do Goberno
Pero estas medidas non logran todas o apoio unánime dos socios de Goberno. Recibiron críticas por parte dos ministros de Unidas Podemos, e en concreto a vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, di que "vai en dirección contraria ao espíritu da lei de vivenda".
Porén, a ministra Raquel Sánchez, do PSOE, replícalle que "a finalidade da lei de vivenda permanece intacta e defende que non hai por qué satanizar a compravenda de vivenda".
Investimento en educación e subvención do Interrail
Ademais, o Goberno aprobou destinar 560 millóns a formar 5,5 millóns de alumnos de primaria e secundaria en robótica e programación, reforzar o estudantado con dificultades e axudar á compra de material escolar ás familias en situación vulnerable.
Tamén se aprobou un desconto do 50 % no Interrail europeo e un programa específico para favorecer o transporte ferroviario e en autobús con descontos do 90 % para os mozos españois entre o 15 de xuño e 15 de setembro. Os beneficiarios serán os mozos españois de 18 a 30 anos e tamén os de nacionalidade de países da UE, pero que teñan fixada a súa residencia en España.
No caso das viaxes que se realicen dentro de España, o programa consistirá nun desconto do 90 % nos trens de media e de longa distancia e tamén nos autobuses que dependen do Estado, ademais dun 50 % de desconto nos trens Avant e un 50 % tamén nos servizos comerciais de alta velocidade, pero cun límite neste último caso de 30 euros máximo da subvención.