O Couto Mixto nomea tres novos xuíces honorarios
O Couto Mixto nomea tres novos xuíces honorarios
Os novos protectores deste territorio singular son Consuelo Castro Rei, Armando Fernández e Diana Gonçalves
O territorio máis singular da Raia Seca entre España e Portugal está hoxe de celebración. Falamos do Couto Mixto, tres aldeas, agora ourensás, pero que durante séculos foron unha república independente, gobernada polos propios veciños.
É o día do ano con máis actividade na pequena aldea de Santiago de Rubiás, en Calvos de Randín. En tempos, no Couto Mixto convivían un milleiro de veciños. Hoxe, non chegan a 60, pero conservan o ADN dos "mixtos", os habitantes dun territorio con privilexios especiais.
"Desde o asilo a nomear os seus propios líderes, non dar homes para a guerra ou a milicia, non pagar tributos nin en España nin en Portugal", Luís Manuel García Mañá, presidente dos Amigos do Couto Mixto.
Xuíces honorarios
Tres novos xuíces honorarios sumáronse neste acto á saga de protectores do Couto Mixto. Entre eles, a avogada xeral do Estado Consuelo Castro Rei, quen nos ilustra sobre a relevancia xurídica deste territorio, equiparable a unha versión medieval dos actuais paraísos fiscais.
"Luxemburgo, Mónaco, San Marino... estados moi pequeniños que se caracterizan sobre todo pola singularidade do seu réxime político", explica.
Os outros nomeados son o médico e escritor Armando Fernández, autor do himno do Couto Mixto, e a cineasta galego-portuguesa Diana Gonçalves.
Con este acto bota a andar tamén a Academia do Couto Mixto, coa que pretenden darlle máis visibilidade a esta república esquecida.
"Afondar nas ciencias sociais: cuestións educativas, económicas, turísticas... que ían de reforzo do desenvolvemento económico destas terras", Xosé Manuel Cid, director da Academia do Couto Mixto.
Sete séculos durou a historia deste territorio, a cabalo entre Galicia e Portugal, que quedou definitivamente extinguido e esquecido co Tratado de Lisboa, ratificado na igrexa de Rubiás en 1868.