O cribado de cancro de colo uterino esténdese este 2023 ás areas sanitarias da Coruña, Santiago, Vigo e Ourense
O cribado de cancro de colo uterino esténdese este 2023 ás areas sanitarias da Coruña, Santiago, Vigo e Ourense
O cribado de cancro de colo uterino esténdese este 2023 ás areas sanitarias da Coruña, Santiago, Vigo e Ourense
A pilotaxe do programa en Lugo e Pontevedra-Salnés serviu para realizar 17.000 probas, cun 6,6 % de positivos en VPH
As mulleres da área de Ferrol están a recibir estes días a citación
O novo método de cribado persegue detectar as lesións precancerosas en estadios moi iniciais, o que permite optimizar a eficacia dos tratamentos. O Sergas quere activar este novo sistema en todas as áreas sanitarias neste 2023.
A citación recíbena as mulleres de entre 35 e 65 anos, por sms ou por correo. E ofréceselles a opción de tomar a mostra na matrona ou elas mesmas cun aparato que reciben no domicilio e que despois entregan no centro de saúde.
"Xa temos os primeiros resultados, e demostran que somos quen de previr lesións. Das 17.000 mostras que fixemos, un 6,6 % deron positivo e, desas, a cuarta parte tiñan xenotipos do virus que son os que se consideran precursores de lesións de cancro de colo uterino", explicou Xulio García Comesaña, conselleiro de Sanidade.
O novo sistema incrementa un 30 % a exactitude da proba, coa técnica da PCR que detecta os dous subtipos do virus do papiloma que son responsables dos 70 % das lesións cancerosas.
Estes cribados xa se fan nas áreas de Lugo e de Pontevedra. Estes días reciben a invitación as mulleres da área de Ferrol e no que queda de ano irán sumando o resto das áreas de Galicia.
O conselleiro de Sanidade anunciou tamén que en breve se ampliará a franxa de idade para o cribado doutro tipo de cancro que afecta en especial as mulleres: o cancro de mama.
Os cribados de cancro de mama cumpren este 2023 trinta anos en Galicia. Neles participaron o 80 % das mulleres convocadas e serviron para detectar 100.000 casos. O cribado de mama facíase entre os 50 e os 69 anos e ampliarase dos 45 aos 75.