Publicador de contidos
Publicador de contidos

O CSIC homenaxea a Expedición Balmis cun cómic e un libro ilustrado

O CSIC homenaxea a Expedición Balmis cun cómic e un libro ilustrado

Está considerada unha das maiores proezas humanitarias e o primeiro programa de vacinación en masa da historia

Estatua de Isabel Zendal na Coruña Estatua de Isabel Zendal na Coruña
G24.gal 16/04/2022 10:01

"Esta viaxe permanecerá como a máis memorable nos anais da historia", dixo Alexander von Humboldt da Expedición Balmis, o primeiro modelo histórico de loita global contra as pandemias. Agora, o Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) homenaxea a fazaña cun cómic e cun volume ilustrado.

Os protagonistas da Real Expedición Filantrópica da Vacina son Francisco Javier de Balmis e Berenguer, cirurxián e médico militar español da corte do rei Carlos IV; José Salvany, médico cirurxián e militar español; e Isabel Zendal, reitora da Casa de Expósitos da Coruña, que velou polos nenos que portaban nos seus brazos o remedio contra a varíola.

En 1803 partiron do porto da cidade herculina nove homes, unha muller e 22 nenos coa misión de levar a vacina contra as vexigas á América hispana e ás Filipinas. Esta campaña sanitaria sen precedentes, filantrópica e con alcance mundial, mantívose durante nove anos e supuxo o percorrido de decenas de miles de quilómetros.

Grazas a aquela iniciativa vacináronse centos de milleiros de persoas contra unha das doenzas máis mortíferas que padecía a humanidade no século XVIII, causante do 10 por cento dos falecementos en Europa.

Está considerada unha das maiores proezas humanitarias, ademais do primeiro programa de vacinación en masa da historia.

Cómic e libro ilustrado

O cómic, titulado O mar lembrará os nosos nomes, é obra de Javier de Isusi, Premio Nacional de Cómic e Premio Euskadi de Literatura na modalidade de Ilustración. Está coeditado polo CSIC e Planeta Cómic

"É unha pequena homenaxe ao sacrificio e á solidariedade de todos os que participaron nesta campaña, que realizaron este esforzo para que o progreso da ciencia e da tecnoloxía alcanzase a toda a poboación", segundo xustifica na nota introdutoria a esta edición gráfica a presidenta do CSIC, Rosa Menéndez.

O libro A expedición Balmis. Primeiro modelo de loita global contra as pandemias, coeditado en gran formato con GeoPlaneta, reúne centos de ilustracións e gravados da época na que Carlos IV financiou a viaxe.

Este volume colectivo foi coordinado baixo a dirección científica de Susana María Ramírez Martín, do departamento de Historia de América e Medieval e Ciencias Historiográficas da Universidade Complutense.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade