Publicador de contidos
Publicador de contidos

O debate sobre a regulación do cánnabis volve este martes ao Congreso

O debate sobre a regulación do cánnabis volve este martes ao Congreso

ERC demanda o acceso seguro ao cánnabis, tanto no uso terapéutico coma no recreativo

A proposición de lei conta polo momento co apoio de Unidas Podemos e Más País

Imaxe: UPC School Imaxe: UPC School
G24.gal 19/02/2023 09:03 Última actualización 19/02/2023 10:04

O debate sobre a regulación integral do cánnabis volve este martes ao Congreso coa admisión a trámite dunha proposición de lei de ERC que demanda o acceso seguro ao cánnabis, tanto no uso terapéutico coma no recreativo. Polo momento, conta co voto a favor de Unidas Podemos e Más País.

A iniciativa do grupo parlamentario republicano é exactamente a mesma que rexistrou en 2021 e que finalmente non chegou a debaterse ao tramitarse unha similar de Más País, apoiada tamén por Unidas Podemos, e rexeitada polos votos do PSOE, PP e Vox.

Nesta ocasión, os socialistas non quixeron avanzar o sentido do seu voto pero de manter a postura de 2021, o asunto converterase noutro punto de confrontación cos seus socios de Goberno.

Segundo fontes de ERC, a intención do grupo parlamentario republicano é articular o debate na cámara baixa e sumar esforzos cos partidos sensibles á regulación do cánnabis para que, no caso de tramitarse, traballar nun texto conxunto.

Tamén quere afondar no tema competencial. No texto da iniciativa lémbrase que "as materias concorrentes á regulación do cánnabis están transferidas ás comunidades autónomas, das que a máis destacada é a sanidade".

Obxectivos

A proposición de lei persegue, segundo o seu articulado, o acceso seguro ao cánnabis, terapéutico e recreativo; a descriminalizacion e desestigmatización de persoas usuarias e o recoñecemento do labor das asociacións cannábicas sen ánimo de lucro.

Tamén demanda a separación dos circuítos de abastecemento regulados dos grupos de crime organizado; a promoción da transparencia e control democrático das actividades relacionadas co cánnabis; a loita contra a economía mergullada e o establecemento dun marco normativo.

A aplicación sería en todo o territorio nacional sen prexuízo das competencias atribuídas ás autonomías e ás entidades locais.

Ampliación do uso medicinal

No mes de xuño, a subcomisión sobre cánnabis medicinal do Congreso deu luz verde a unha proposta para ampliar o seu uso á dor oncolóxica e á endometriose feita "exclusivamente por profesionais sanitarios" e dispensado "con preferencia" en farmacias hospitalarias.

Así consta no informe final de conclusións que a subcomisión aprobou co visto e prace do PSOE, Unidas Podemos, Ciudadanos, PNV e PDeCat, a abstención de ERC e EH Bildu e o rexeitamento de PP e Vox.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade