O desconto aos combustibles para transportistas baixa a cinco céntimos
O desconto aos combustibles para transportistas baixa a cinco céntimos
O sector reclama que se manteña e incremente a axuda
Asegura que é máis necesaria que cando empezaron a aplicala
A bonificación de 10 céntimos por litro de carburante que os transportistas teñen ao recargar baixa a cinco céntimos a partir deste domingo. O Goberno establecera a retirada gradual da axuda, que está previsto que desapareza en xaneiro.
O sector subliña, porén, que o apoio é agora aínda máis necesario que cando activaron a rebaixa de 20 céntimos por litro para todos os condutores, porque os prezos están máis disparados.
"A 1,85 e parece que non para aí, que vai subir máis. Polo tanto, estamos intentando en Madrid, no Ministerio, que retomen eses 20 céntimos como mínimo", puntualiza o presidente da Federación Galega de Transportes de Mercadorías.
Ramón Alonso explica que subiu todo o que rodea o transporte, desde o propio camión ata o seu mantemento e os seguros, e salienta que as alzas dos carburantes non llas poden repercutir ao cliente.
"A Administración ás veces fai concursos a dez anos e ti dáslle prezo a dez anos e no medio deses anos sóbeche o prezo do combustible doce veces en tres meses, e que fas?", pregúntase o presidente de Fegatramer.
Ramón Alonso di que moitos camioneiros marcharon a traballar a outros países de Europa e que tamén pecharon moitas empresas.
"En España hai máis de 2.000 empresas que desapareceron nos últimos catro ou cinco anos", afirma.