Publicador de contidos
Publicador de contidos

O deseñador español Paco Rabanne morre aos 88 anos en Francia

O deseñador español Paco Rabanne morre aos 88 anos en Francia

Francisco Rabaneda deixou Euskadi con 5 anos despois de que fusilaran o seu pai, un coronel republicano, e acabou converténdose nun dos deseñadores de moda máis influíntes do mundo

 

G24.gal 03/02/2023 18:45

 O deseñador Paco Rabanne faleceu este venres aos 88 anos no seu domicilio de Portstall, no noroeste de Francia.

Francisco Rabaneda e Cuervo (o seu verdadeiro nome), naceu o 18 de febreiro de 1934 na localidade española de Pasaxes, no País Vasco. De alí fuxiu aos 5 anos coa familia despois do fusilamento do seu pai, un coronel republicano.

A finais dos anos 60 comezou a colaboración entre o deseñador e a compañía de moda e beleza Puig, que finalmente adquiriu a firma en 1986.

 Xunto aos membros da segunda xeración desta empresa familiar "selouse unha leal alianza cun deseñador capaz de trasladar a paixón e a rebeldía xuvenil a fragrancias de éxito", afirmaron nun comunicado.

"Paco Rabanne fixo magnética a transgresión", afirma nesa nota José Manuel Albesa, presidente da división Beauty and Fashion de Puig.

Tamén se pregunta "quen máis podería inducir as elegantes mulleres parisienses ao clamor por vestidos feitos de plástico e metal? Quen senón Paco Rabanne podería imaxinar unha fragrancia chamada Calandre ( que significa ‘grella de automóbil’) e convertela nunha icona da feminidade moderna?".

"Ese espírito radical e rebelde distíngueo: só hai un Rabanne", subliña.  

Albesa lembra ademais a "enorme influencia na moda contemporánea, un espírito que perdura na maison que leva o seu nome".

"Rabanne seguirá sendo unha importante fonte de inspiración para os equipos de moda e fragrancias" da firma, confirmou pola súa banda o seu presidente executivo, Marc Puig.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade