Jesús Gamallo considera unha "oportunidade perdida" a cita de Viana do Castelo
Jesús Gamallo considera unha "oportunidade perdida" a cita de Viana do Castelo
O director xeral de Relacións Exteriores fala de "decepción" e "preocupación"
A Guía do Traballo Transfronteirizo España-Portugal non "colma as expectativas"
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta, Jesús Gamallo, considera unha "oportunidade perdida" o cumio hispano-luso de Viana do Castelo.
Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, fala de "decepción" porque "as principais demandas que fixo a Xunta xunto coa rexión norte de Portugal e a Eurorrexión non foron atendidas" e fala de "preocupación" porque -apunta-, "Portugal pode chegar á fronteira co tren de alta velocidade antes de que o faga España".
Gamallo tamén dixo estar "seguro" de que tras isto "hai unha discrepancia de fondo entre o Goberno español e o portugués" e dixo agardar que se aclare pronto en beneficio da liña de alta velocidade "porque os prazos apreman".
"Esta foi unha oportunidade perdida. É un cumio -como é evidente- moi centrado nas cuestións de innovación -que están moi ben-, nas relacións bilaterais dos dous estados en relación coa Unión Europea, as cuestións derivadas da guerra en Ucraína -todo o que ten que ten ver coa enerxía-. Pero no que atinxe á cooperación transfronteiriza, e nomeadamente na cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal, insisto na nosa decepción e preocupación".
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE si considera "boa nova" as informacións recollidas pola prensa que apuntan á licitación en breve da declaración de impacto ambiental do túnel que conectaría a estación de Urzáiz en Vigo co Porriño e o estudo informativo da saída sur de Vigo, di que "parece unha boa noticia" e que "sería a única noticia esperable se queremos chegar a tempo aos prazos".
Traballadores transfronteirizos
Jesús Gamallo tamén expresou a súa decepción co resultado en materia laboral ao considerar que "non colma as expectativas" a Guía de Traballo Transfronteirizo España Portugal. Considera necesario que exista un estatuto que recolla unha "protección xurídica adecuada" para estes traballadores e apunta que a resposta ofrecida é unha "guía de boas prácticas".