O Entroido de Foz estréase como Festa de Interese Turístico de Galicia
O Entroido de Foz estréase como Festa de Interese Turístico de Galicia
Esta xornada precede o día grande, o Sábado de Entroido, co seu tradicional gran desfile
Todo listo en Foz para a celebración dun Entroido que este ano vai ser máis especial se cabe. O motivo é que se estrea como Festa de Interese Turístico Galego, polo que se preparou con detalle todo un cartel de actividades.
Fátima Novo, membro da comisión de festas O Noso Foz: "Desde a organización traballamos con moita máis ilusión. Tratamos de que gocen tanto as xentes deste concello, xa que grazas a elas fomos declarados festa de interese turístico, como as dos concellos veciños".
Os pregoeiros da festa, que son os integrantes da Peña Ñass, organizaron unha mostra para a veciñanza. Nela expóñense algúns dos disfraces que vestiron nas últimas décadas.
David Niñe, membro da Peña Ñasss e pregoeiro das festas: "Este ano imos dar nós o pregón e fixemos esta exposición, onde están todos os disfraces de todos os anos que fomos ao carnaval, desde 2007".
Tras a tradicional Cea de Comadres, que se celebrou onte, chega o día do pregón e do concurso de coplas. Esta xornada precede o día grande, o Sábado de Entroido, co seu tradicional desfile, que é unha das citas máis agardadas destas festas en toda a comarca.
No desfile participan once comparsas, ademais do rei ou da raíña das festas. Este ano tocoulle a unha integrante das Trouleiras.
Carlota Fernández del Riego, raíña do Entroido de Foz 2024: "É un verdadeiro honor, sobre todo este ano que é de interese turístico. Desde moi pequeniña levo vendo como houbo reis e raíñas do carnaval. Que este ano poida gozalo na compaña das miñas amigas é un pracer".
Unha vez celebrado o multitudinario desfile do sábado, a festa continuará os días seguintes co Baile do Faroliño do luns ou coa Queima do Entroido o venres vindeiro.