O escaravello vermello segue a infestar as palmeiras en Galicia
O escaravello vermello segue a infestar as palmeiras en Galicia
Na primavera é o momento de vacinar as palmeiras contra o ataque do escaravello vermello
As palmeiras da alameda de Santiago son mostra de que segue avanzando por Galicia a propagación do escaravello vermello, o chamado 'picudo' en castelán. Asistimos con Alberto á inxección do tratamento preventivo que aplica Terapia Verde para conservar viva esta planta que ten uns oitenta anos. É a medida para que non suceda o da provincia de Pontevedra, onde a praga de escaravellos acabou co oitenta por cento das palmeiras. Só quedan unhas dúas mil.
Alberto Costas, responsable de Terapia Verde explica desde Compostela que "aquí está a pasar algo parecido. Estamos a entrar na fase de aceleración e destrución de palmeiras, porque unha vez que chega o escaravello vermello infecta dúas, tres... esas multiplican a expansión e estamos agora nunha época moi forte de destrución do palmeiral histórico que hai en Santiago e no resto da provincia da Coruña".
Explica, Alberto, que estamos na mellor época para previr a praga. A súa empresa aplica un tratamento anual que, segundo di, ten unha eficiencia de protección próxima ao cen por cento.
"O produto funciona por inxestión. Cando o escaravello vermello deixa uns ovos e as larvas, que son milimétricas, tentan entrar na palmeira paralízaas e morren por inanición. Daquela, estamos a frear o principio dunha infestación, porque o que non podemos é frear a chegada do escaravello, pois a praga está en case toda Galicia e o que podemos facer é protexer a palmeira para que cando chegue non progrese. O 95-98 por cento de palmeiras visualmente sas saen adiante", di o responsable de Terapia Verde.
Estamos no momento axeitado, porque, explica, se a palmeira ten aspecto san é que está sa. En agosto ou setembro pode parecelo pero igual xa ten xa o bicho dentro.