O Euribor segue batendo marcas e este 2023 pode encarecer as hipotecas un 4 por cento
O Euribor segue batendo marcas e este 2023 pode encarecer as hipotecas un 4 por cento
Adicae pide prudencia á hora de cambiar as hipotecas variables por xuros fixos
Aseguran que as previsións para 2024 apuntan a que o Euribor caerá á metade
Este 2023 tamén será un ano complicado para as persoas que están pagando unha hipoteca e as que queiran mercar unha vivenda. Os xuros van seguir subindo, e con eles o Euribor, que podería achegarse ao 4 por cento. En Adicae piden prudencia á hora de renegociar estes préstamos e aseguran que as previsións apuntan a que en 2024 o Euribor caerá á metade.
O Euribor comezou 2023 batendo todas as marcas dos últimos 14 anos. O índice ao que están referenciadas a maioría das hipotecas superou o limiar do 3 por cento. E se o Euribor sobe, as cotas das hipotecas a tipo variable son máis caras. E tamén, indirectamente, as de tipo fixo.
"Non hai que causar ningún tipo de alarmismo, a situación para o 2023 non é boa, van encarecerse as hipotecas considerablemente pero hai que ter a previsión de que para o 2024 van baixar practicamente á metade".
Na Asociación de Consumidores e Usuarios de Bancos e Caixas piden prudencia á hora de renegociar as hipotecas, sobre todo se se opta por xuros fixos, e animan aos usuarios a buscaren asesoramento.
"Depende do que estean ofrecendo, sobre todo do que ofrece como xuro fixo e a cantos anos, porque tamén pode ser unha trampa".
En España hai catro millóns de persoas que teñen contratada unha hipoteca de tipo variable. Desde setembro as cotas mensuais subiron unha media de entre 120 e 300 euros.
Cunhas hipotecas máis caras, o mercado inmobiliario vaise resentir. Pero os expertos lembran que todas estas previsións dependen da guerra de Ucraína. Se finaliza nos próximos meses a suba dos xuros e das hipotecas sería menor.