Publicador de contidos
Publicador de contidos

O éxodo de Ucraína achégase aos 2,6 millóns de persoas

O éxodo de Ucraína achégase aos 2,6 millóns de persoas

A fuxida continúa pero as cifras indican un lixeiro descenso

O fluxo de persoas diarias baixa por primeira vez de 100.000

G24.gal 12/03/2022 20:34

O éxodo de refuxiados ucraínos é o maior que se vive en Europa desde a segunda guerra mundial. Máis de dous millóns e medio de persoas saíron do país desde que comezou a invasión rusa.

A un refuxio de Dumbraveni, en Romanía, chegaron 2.000 persoas. Entre elas está Katarina, que non pode parar de chorar cando lembra os amigos que deixou en Kíiv.

Explica que pasou moitas horas na fronteira e alí escoitou como un cativo lle dicía ao pai que quería volver á casa. El, conta Katarina, explicáballe que xa non tiñan e debían buscar unha nova vida.

Tampouco Elena, que chegou a Romanía procente de Odesa, pode evitar as bágoas porque están bombardeando o seu país e é algo que ninguén podía esperar, di.

Países de acollida

Ademais de Romanía, a poboación fuxe a Hungría, Eslovaquia, A República Moldova, país que non pertence á UE, e sobre todo a Polonia, que recibiu millón e medio de persoas.

Nun dos centros de acollida de Przemysl reciben axuda e dispoñen tamén dun medio de transporte para desprazarse a outros lugares de Polonia ou de Europa.

Un voluntario dinamarqués di que veu buscar 100 persoas para levalas ao seu país, onde poderán quedar todo o tempo que queiran e tamén intentarán buscarlles un traballo.

A ministra de economía de Ucraína visitou os centros de acollida neste paso fronteirizo de Polonia. Aquí pediu máis axuda e más sancións por parte de Europa para conseguir que os refuxiados, dixo, poidan volver ás súas casas canto antes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade