Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Fabril perde no tempo engadido en Salamanca (3-2)

O Fabril perde no tempo engadido en Salamanca (3-2)

O filial deportivista igualou dúas veces por medio de Kevin

Loren marcou no 96 cando o Salamanca xogaba con 10

Foto: @SalamancaCFUDS
G24.gal 08/12/2024 21:26

O Fabril perdeu unha boa oportunidade de sumar no Estadio Helmántico, nun encontro en que se deu levantado dúas veces cando se adiantaron os locais pero en que acabou decidindo un tanto de Loren no 96.

Comezou mellor o equipo salmantino, que abría o marcador aos 10 minutos, logo dun bo caneo de Galván na área e dun remate raso. O propio Galván tivo unha grande ocasión para ampliar a renda pouco despois pero, desta volta, rexeitou Alberto Sánchez no man a man.

Eran momentos de abafamento para o Fabril, como noutro remate de Emaná desde a área pequena, pero o filial coruñés sacudiu a presión do mellor xeito posible. Kevin empataba cunha cabezada á media hora.

Pero o partido ía virar novamente aos 53 minutos noutra cabezada de Emaná. Desta volta, o despexe de Alberto foi desde dentro da portería. Polo menos, iso decretaron o asistente e o colexiado, que concedían o 2-1.

A reacción do Fabril volveu chegar, desta volta nun penalti na área local que transformou Kevin no empate a dous. Ían 75 minutos. Xusto despois, Nsongo tivo nas súas botas o terceiro nun man a man co porteiro local, pero o seu remate saíu desviado.

No minuto 90, Cristeto foi expulsado por unha dura entrada no centro do campo. E, cando parecía que o Fabril non ía ter problemas, cando menos para sumar o empate, Loren aproveitou un saque de banda para establecer o 3-2. Era o minuto 96 e non houbo tempo para máis, o Fabril apaña a sexta derrota do curso, pero segue na parte alta da táboa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos